LUGO, 10 de agosto de 2017.- O Partido Popular de Láncara ao completo agradece a visita realizada no día de onte polo delegado territorial a este municipio, José Manuel Balseiro, e na que quixo comprobar en primeira persoa o desenvolvemento das obras que o Goberno galego está a levar a cabo na Travesía de Láncara, e nas que investíu 100.000 euros.
Deste xeito, para os catro edís desta formación política, que ademais estiveron presentes na xuntanza, a diferenza do Goberno local, que tan só estivo representando polo alcalde, consideran que “unha vez máis o Sr. Balseiro demostrou a xenerosidade coa que a Xunta de Galicia trata ao noso Concello, dándonos servizos que precisamos todos os lancareses”.
Neste senso, destacan “a dilixencia” coa que está a actuar a administración autonómica, pois estes traballos foron licitados o mes pasado “e, tan só unha semanas despois, xa avanzan a bo ritmo”. Isto demostra, asegura o voceiro do PP, Santiago Cubillas, “o rigor e a seriedade” coa que actúa tanto o Goberno galego, como o propio delegado, “quen sempre cumpre o que anuncia”, afirma.
“Esforzo inversor en toda a Comarca”
No marco desta visita e do anuncio realizado por Balseiro correspondente á previsión de mellora da estrada de Triacastela a Pedrafita do Cebreiro, Cubillas pon de relevo “o esforzo inversor da Xunta de Galicia coa comarca de Sarria”. Proba delo, é que a administración autonómica xa actuou na estrada que vai de A Pobra a Baralla e na que comunica Corvelle (Sarria) con Láncara.