Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada destaca o bo funcionamento que está a ter o albergue que foi inaugurado no día de onte polo presidente da Xunta de Galicia

A FONSAGRADA, 8 de agosto de 2017.- O Partido Popular de A Fonsagrada amosa a súa satisfacción polo bo funcionamento que está a ter o albergue inaugurado no día de onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e que foi posible logo do investimento realizado polo Goberno galego, e que ascendeu aos 600.000 euros. “Todos os veciños estamos satisfeitos co compromiso do presidente. Foi dito e feito, e hoxe grazas á súa vontade política o noso municipio pode consolidar o filón económico que supón para os Concellos o Camiño de Santiago”, destaca o voceiro do PP neste municipio, Tobías Martínez.

 

Neste senso, o popular agradece tamén a presenza do titular autonómico, así como do resto de autoridades, que “compartiron o seu tempo connosco”. “Estamos convencidos de que foi unha gran obra que nos sitúa á vangarda dos albergues galegos. Sen dúbida, para un lugar pequeno como Fonsagrada isto ten unha extraordinaria importancia: danos a coñecer dende o punto de vista turístico e, á súa vez, contribúe a que a economía local mellore”, remarca.

 

Outro recoñecemento merecido

Por outra banda, “e non menos importante”, Tobías Martínez sinala que a apertura destas instalacións é tamén un recoñemento merecido “a unha persoa que traballou incansablemente para a construción do primeiro albergue, na atención aos peregrinos e no impulso do Camiño Primitivo”. Refírese así o voceiro doi PP ao feito de que o albergue leve o nome de Ramón Rodríguez Mondelo; parróco do municipio durante moitos anos e que destacou por unha gran dedicación aos camiñantes.

 

“Isto tamén é un premio a tanta dedicación e humildade. Toda Fonsagrada sabe que cada vez que viña un peregrino, el se preocupaba de darlle aloxamento e de axudarlles o que podía”. Por tanto, afirma, “a satisfacción é dobre, pois, por un lado, dáselle vida ao noso Concello e, pola outra, é un recoñecemento a unha persoa moi querida”. A iniciativa de darlle este nome partiu dunha proposta que o Partido Popular levou a Pleno, e que foi aprobada co apoio do Partido Socialista.