Partido Popular de Lugo

O PP asegura que “este sábado Burela tiña moi pouco de limpa”

BURELA, a 8 de agosto de 2017.- O Grupo Municipal Popular burelés asegura que este sábado “non foi o mellor día para presumir de Burela Bonita, especialmente en certas zonas da vila, que presentaban un estado lamentable en canto á recollida de lixo e limpeza viaria”. Os populares constataron que “no mediodía comprobamos e documentamos graficamente como había colectores do mercado aínda se recoller, cartón tamén sen recoller, algún colector tirado na rúa, vías sen barrer (especialmente Rosalía de Castro e Pardo Bazán), etc.”

 

Desde este grupo consideran que “a imaxe que se deu non foi a mellor que se podía dar, e todo iso debido a unha ausencia absoluta de liderado do alcalde para organizar os servizos de recollida de lixo e limpeza viaria nun fin de semana que dende hai anos reúne un bo número de actividades”.

 

“Produart e a Feira do Bonito non se comenzaron a facer onte. Precisamente, por iso hai que organizar o servizo de forma e maneira que se dea a máxima eficacia, e iso é competencia do alcalde, aínda que xa sabemos a pouca querencia que ten polo traballo e o gusto desmesurado polas cámaras”, salientan.

 

Os edís do PP aseguran que “o acontecido ratifica o que vimos dicindo dende o día un de abril: todo o que nos intentou vender o Sr. Llano de melloras na recollida de lixo, e a pesares do ofendido que se sente o tenente de alcalde cando falamos deste asunto, é todo mentira, porque os problemas, polo que se ve, xa non é que existiran ou non, é que se ven notoriamente día a día e non se resolven”, conclúen.