Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP ponse a disposición dos seleccionados para traballar nas residencias e ofrece ao BNG traballo conxunto para que se respecten os seus dereitos e se actúe con transparencia

LUGO, 8 de agosto de 2017.- O Partido Popular, que dirixe Elena Candia, ponse a disposición de todas as persoas seleccionadas pola Deputación para prestar o seu servizo nas residencias proxectadas por esta institución na provincia. Deste xeito, fan un chamamento ao outro grupo político que está na oposición, é dicir, o BNG, para traballar conxuntamente na demanda de que se respecten os dereitos destas persoas, que levan agardando dous anos “polo seu futuro”, e se actúe con transparencia. Tal é así que se ofrece a levar ao Pleno iniciativas nesta dirección.

 

E é que, tal e como xa dixo en distintas ocasións a voceira do grupo provincial, a apertura destas instalacións tamén é necesaria, tanto polos cidadáns que agardan unha praza, como por todas os que foron seleccionados por SUPLUSA en plena campaña das municipais para traballar nelas. Neste senso, Elena Candia reitera que “non se pode xogar así coas persoas. Poñémonos na pel dos afectados. Ten que ser unha incertidume non saber cando van comezar a traballar, nin onde, e todo iso, logo de pasar un proceso selectivo hai tempo”. Por este motivo, engade, “queremos trasladarlles que estamos con eles”.

 

Precisamente, e froito do convencemento de que “esta situación non pode seguir así e de que o noso obxectivo é ser parte da solución, nunca o problema, convidamos ao Bloque Nacionalista Galego a traballar conxuntamente”, ao tempo que insta ao Goberno a cumprir “inmediatamente” coa obriga de inscribir a Sociedade Urbanística Provincial no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS).

 

 

Plan de apertura liderado polo PP

Dada a situación, a voceira provincial mantén que, non vindeiros días, porá a disposición do Goberno unha proposta “seria e coherente” para abrir estas instalacións, e que dea solución a todas estas “promesas incumpridas”. Deste xeito, segundo este plan, o primeiro centro da terceira idade que entrará en funcionamento será o de Castroverde.

 

Elena Candia agarda contar así co apoio do Goberno provincial e do BNG porque, ademais, o grupo que dirixe conta con informes que avalan que SUPLUSA pode xestionar estas infraestruturas; o cal tamén sería decisivo para que os seleccionados comezasen a traballar canto antes.

 

Trátase de ofrecer unha solución á parálise na que están sumidos este centros; unhas instalacións que foron creadas para sacar rédito electoral pero que, debido á mala xestión do Goberno aínda non se comezaron e, as que están rematadas, aínda non puideron abrir as súas portas. Tendo en conta esta situación, que pon de relevo a ineficacia dos dirixentes da Deputación, Candia pídelles “que deixen traballar a quen ofrece solucións”.

 

“Estamos cos veciños dos Concellos nos que se van a construír estas residencias e cos que xa a teñen feita porque, se hai algún grupo que ten e tivo vontade de sacar adiante estes proxectos foi o Partido Popular”. Como mostra desta vontade colaboradora, sinala, son as iniciativas aprobadas no Pleno deste mércores e no de novembro de 2016 cando o Partido Popular presentou aencomenda de xestión a SUPLUSA para a construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín, e que tamén foi aprobada.

 

Descargar audio