Partido Popular de Lugo

O Grupo Municipal do PP de Burela denuncia que o concerto dos dj´s celebrado o venres fose “un fracaso, moi próximo á estafa”

Burela, 6 de agosto de 2017.- O Grupo Municipal Popular de Burela denuncia que o concerto de djs, programado pola delegación de Cultura do Concello para o pasado venres día 4, paralelo á Festa do Bonito, “foi un fracaso, moi próximo á estafa”.

En concreto os populares explican que un dos djs, que debía actuar no concerto, ante a escasa asistencia de público “negouse a seguir actuando e deu por rematado o concerto”. Neste eido, dende o Grupo Municipal popular lembran que as entradas ao concerto custaban 15 euros.

Os populares recibiron diferentes queixas de asistentes ó concerto tras o acontecido. Dun xeito máis preciso, dende o Grupo Popular explican que “o dj en cuestión cando levaba só tres ou catro cancións, decidiu parar a actuación. Dixo que había moi pouca xente. Acto seguido, apagáronse as luces e o equipo de son, o que provocou o malestar dos aproximados cen asistentes que deron en berrar tongo, indignados logo de ter que pagar 15 euros e tras que o concerto se levantase sen outro motivo aparente”.

 

Piden que o alcalde adopte as medidas oportunas

Os edís populares consideran que o alcalde “debe adoptar as medidas oportunas para que, tras este comportamento, o dj non cobre o que puidese estar estipulado no contrato”.

Así e ante esta situación, dende o Grupo Municipal do Partido Popular pedirán acceso ós contratos dos djs actuantes ese día, para, segundo precisan, “verificar os termos que os regulan e mirar os posibles abonos das contías que nos mesmos puideran fixarse”.

Para o Grupo Popular o acontecido “é moi grave porque o contrato hai que cumprilo”. Ademais, engaden, este feito “demostra que o delegado de Cultura terá que revisar o modo de organizar estas actuacións”. Neste caso en concreto, “agardamos que desde o Concello se habiliten fórmulas para devolver todo ou parte do custo da entrada que aboou o escaso cento de rapaces que se deron cita no mesmo”.