Partido Popular de Lugo

Elena Candia pon en valor “o compromiso firme” da Xunta e do Goberno coa mellora das comunicacións da provincia

LUGO, 1 de agosto de 2017.- A presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, destaca que o investimento anunciado no día de onte polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o ministro de Fomento, Íñigo de la Senra, e que supón unha mellora clara das comunicacións de Lugo co resto de Galicia, demostra “o compromiso firme dos Goberno autonómico e central coa nosa provincia e cos lucenses”. A dirixente dos populares fai esta valoración logo de asistir ao acto de colocación da primeira pedra das obras do treito da A-54 Palas de Rei- Melide, e onde Feijóo e de la Senra deron conta, ademais, dos avances destas dúas administracións na xestión doutros proxectos relevantes para Lugo, como son o AVE, a VAC de A Mariña e a autovía que conectará a provincia coa de Ourense.

 

“Xa non haberá unha Galicia de dúas velocidades, e que viña dada, en gran parte, por unha diferenza nas comunicacións entre as provincias do interior e a zona atlántica. Podemos dicir que, grazas a este compromiso, se asegura o reequilibrio territorial e se salda unha débeda histórica”, afirma a popular.

 

Comunicacións na Mariña

Deste xeito, a presidenta provincial pon en valor, en primeiro lugar, a manifestación pública da vontade destes dous Gobernos por impulsar a Vía de Alta Capacidade de A Mariña, que comunicará esta comarca coa A-8, e que se traduce no anuncio da realización de proxectos construtivos e de investimento. “Trátase dunha boa nova que, como alcaldesa da zona, e como unha veciña máis, agradezo e quero recoñecer especialmente”, remarca.

 

Asemade, tamén destaca os trámites de Fomento por intentar diminuír os problemas da néboa na Autovía A-8. “Ao igual que no caso da importancia de executar a VAC canto antes, son coñecedora da necesidade de buscar unha solución a este problema. Que onte se nos dixese que se están facendo estudos para intentar remediar os continuos cortes nesta estrada tamén é importante. O problema está claro que existe, pero creo que tamén temos que valorar o esforzo do Goberno por atallalo”, conclúe.

 

A provincia conectada tamén con Santiago e Ourense

Na mesma liña, Elena Candia agradece o esforzo inversor que están a realizar de forma xeralizada a Xunta de Galicia e o Goberno Central en materia de infraestruturas e que, co inicio as obras do treito da A-54 Palas-Melide, sinala, “se avanza na vertebración de Lugo coa capital de Galicia”. E é que, tal e como anunciaron este luns o titular autonómico e o responsable da carteira de Fomento, a previsión que manexan ambos os dous organismos é que todo o vial estea en obras este ano, chegado así o investimento total aos 255 millóns de euros.

 

Por outra banda, indica, “e non menos importante”, é que tamén se anunciou que se están dando pasos para impulsar a autovía que conectará Lugo con Ourense. Respecto deste asunto, engade: “reitero as palabras do presidente da Xunta: Lugo está na axenda prioritaria deste ministerio”. Neste caso concreto, a previsión que manexa a administración que dirixe Feijóo é licitar este ano obras en distintos treitos por valor de máis de 35 millóns de euros.

 

O compromiso co AVE, “unha realidade”

Elena Candia quere aproveitar a ocasión para subliñar tamén as actuacións anunciadas para que “Lugo non quede descolgada do tren de alta capacidade”, e que inclúen, por unha banda, a licitación da electrificación e o reforzamento naqueles treitos nos que as vías convencionais se van a converter en vías de alta capacidade e, pola outra, nas que cambian de trazado, seguir tramitando os proxectos construtivos para proceder á súa licitación.

 

“Malia o que moitos se afanan en dicir continuamente, non só o compromiso do Goberno co AVE é unha realidade, senón que o enlace a Lugo é unha prioridade. Como lucense agradezo que se estean avanzando nos trámites para a súa posta en marcha. Creo que queda claro que a Xunta e o Goberno si que teñen en conta os intereses e as demandas dos lucenses. Dende logo, e así me comprometo, dende o Partido Popular seguiremos traballando para que así sexa”, conclúe.