Partido Popular de Lugo

Elena Candia anuncia que o Partido Popular presentará unha folla de ruta para abrir as residencias da Deputación

LUGO, 29 de xullo de 2017.- A voceira do grupo provincial do Partido Popular na Deputación, Elena Candia, anuncia que presentarán proximamente unha folla de ruta para que o organismo provincial poida abrir as residencias que ten proxectadas na provincia. Deste xeito, segundo este plan, o primeiro centro da terceira idade que entrará en funcionamento será o de Castroverde.

 

Elena Candia agarda contar así co apoio do Goberno provincial porque, ademais, este grupo conta con informes que avalan que SUPLUSA pode xestionar estas infraestruturas. Non entendelo así, subliña, “suporía que Darío Campos censura a propia xestión e decisións de compañeiros como o ex presidente provincial e outros membros que hoxe continúan no goberno”, indica.

 

O PP non confunde, o PP ofrece solucións”

Deste xeito, o Partido Popular ofrece unha solución “á parálise na que están sumidos este centros”; unhas instalacións que foron creadas para sacar rédito electoral pero que, debido á mala xestión do Goberno aínda non se comezaron e, as que están rematadas, aínda non puideron abriras súas portas. Tendo en conta esta situación, que pon de relevo a ineficacia dos dirixentes da Deputación, Candia pídelles “que deixen traballar a quen ofrece solucións”.

 

“O PP non confunde como di o Sr. Santos, o PP ofrece solucións”. E é que “o único que está a xogar politicamente coas residencias e cos maiores é o Goberno, poñendo atrancos que se estenderon dende cambios na entidade encargada da súa construción, como no seu modelo de xestión e na dotación orzamentaria”. Malia todo, Elena Candia reitera que “a nosa vontade sempre foi de colaborar para que esta provincia puidese ter estes centros abertos canto antes porque entedemos, remarca, que o prioritario é que os concellos dispoñan deles e os maiores estean ben atendidos”. Como mostra desta vontade colaboradora, sinala, son as iniciativas aprobadas no Pleno deste mércores e no de novembro de 2016 cando o Partido Popular presentou a encomenda de xestión a SUPLUSA para a construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín, e que tamén foi aprobada.

 

Explicacións sobre persoal seleccionado

Elena Candia segue mantendo que é necesaria tamén a apertura desas instalacións polas persoas que esperan unha praza, así como polas que foron seleccionadas por SUPLUSA en plena campaña das municipais para traballar nelas. “Repito, non se pode xogar así coas persoas. Nin os centros están abertos, nin os seleccionados, despois de pasar o proceso hai dous anos, saben cando van poder traballar, nin onde”, lamenta.

 

Por este motivo, e ante unha situación de “continuos atrancos e de dimes e diretes, o Partido Popular porá a disposición do Goberno unha proposta que dea solución a todas estas promesas incumpridas”. O grupo provincial, que dirixe Candia, agarda que Darío Campos estea a altura.