RIBADEO, 28 de xullo de 2017.- O Partido Popular de Ribadeo destaca o compromiso da Xunta de Galicia con este Concello ao destinar 140.0000 euros para un obradoiro de emprego, que permitirá a contratación de 15 parados do municipio, menores de 30 anos. Deste xeito, os populares agradecen a colaboración da administración autonómica, pois “deixa en evidencia as críticas do alcalde cando manifesta que o Goberno galego ten esquecido a este Concello”.
E é que, segundo insiste o voceiro do PP neste municipio, Jesús López Penabad, “o alcalde o único que pretende é confundir á cidadanía, pero, claramente, podemos comprobar que as grandes obras e os grandes proxectos sempre veñen da Xunta de Galicia”.
Comezarán a traballar en setembro
Unha vez concedido o obradoiro, a selección dos novos contratados levarase a cabo en agosto, de tal xeito que estes comezarán a traballar no mes de setembro. A relación laboral será de 6 meses; unha iniciativa, incide Penabad, “que é posible grazas ás políticas do Partido Popular”.
Ademais das 15 persoas contratadas, o obradoiro inclúe o traballo dun monitor por cada módulo, un administrativo e un director. Deste xeito, as contratacións aproxímanse ás 20 persoas. Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
Iniciativa exclusiva só para Ribadeo
Trátase dunha iniciativa que, ademais, subliña o voceiro popular, non é compartida con ningún outro concello, senón destinada exclusivamente ao de Ribadeo. “Isto aínda fai máis importante, esta colaboración da Xunta de Galicia, pois estamos a falar da concesión dunha axuda que contribúe á facilitar a inserción laboral, reducindo o desemprego local e, por outra banda, permite mellorar e acondicionar espazos públicos”, conclúe.