Partido Popular de Lugo

Cubillas considera que o alcalde debe dimitir, pois “demostramos no Pleno que nin o PP, nin Balseiro mentimos sobre os investimentos da Xunta en Láncara”

LÁNCARA, 28 de xullo de 2017.- O voceiro do PP en Láncara, Santiago Cubillas, considera que, logo das explicacións dadas polo rexedor no Pleno que a Corporación celebrou a última hora do día de onte, este debe dimitir, pois “demostramos que nin o PP, nin Balseiro mentimos sobre os investimentos da Xunta no municipio”.

 

Por este motivo, esixe, ademais, a Darío Piñeiro que “que se desculpe publicamente porque el sabe que meteu a pata”, xa que do contrario “queda ante os veciños como un alcalde sen palabra, e que se me permite a expresión, como unha persoa que se perde pola boca”.

 

“Nós no temos a culpa de que interprete as cousas á súa maneira. O que falou de dimisións foi el, non foi o Partido Popular. Por iso, cremos que ten que ser consecuente co que el mesmo dixo”, destaca Cubilla.

 

Deste xeito, o voceiro do PP quere deixar claro que, neste proceso, “nós nunca nos quixemos esconder. Incluso o delegado foi prudente quedándose curto nas cifras”. Proba delo é que estas, tal e como se pode comprobar no documento que se adxunta, superan amplamente os 6 millóns de euros en 2016 e, para este ano, a Xunta xa ten comprometidas obras e actuacións por valor de máis de 1 millón.

 

O alcalde non deu a cara, agochouse nunha concelleira

Asemade, Cubillas tamén quere por de relevo “a falta de valentía” do rexedor, pois despois de ser o causante desta polémica, e que xorde dunha desafortunadísima nota de prensa trala visita do delegado territorial, non foi quen de defender o asunto, delegando esta responsabilidade na concelleira que ademais é a segunda tenente alcalde.

 

“Di o refrán: no las hagas, no las temas. Cando un saca a boca a pacer, e aquí tamén emprego outra expresión popular dende o máis absoluto respecto, o mínimo que debe facer é dar a cara. O Sr. Darío non o fixo, polo que logo algo tiña que ocultar. Pola contra, nós fomos totalmente transparentes, serios e rigorosos; de aí que lle pedísemos no seu momento unha reunión pública para dar conta de todas estas cuestións”, indica.

 

A prioridade do PP: que se invista en Láncara

Para rematar, Cubillas aclara que “ao PP danos igual quen invista en Láncara e de onde vén a financiación. O prioritario é que se mellore a calidade dos veciños, polo que é secundario se isto se fai dende a Deputación ou dende o Goberno galego”. Tal é así “que, nin a este portavoz, nin a este Partido, nos atoparán criticando esta cuestión; algo moi diferente do que sempre fai o alcalde”, remarca.