Partido Popular de Lugo

Os alcaldes de Folgoso e de Portomarín rexistran na Deputación o escrito dirixido ao presidente a través do que lle esixen que asine xa o convenio das residencias

FOLGOSO DO COUREL / PORTOMARÍN, 27 de xullo de 2017.- Os alcaldes de Folgoso do Courel, Lola Castro, e de Portomarín, Juan Serrano, tal e como anunciaron no día de onte, veñen de rexistrar na Deputación o escrito dirixido ao presidente a través do que lle esixen a sinatura inmediata dos convenios que permitirán dotar aos dous concellos de centros de atención a persoas maiores.

 

Deste xeito, os rexedores solicitan que o organismo provincial dea cumprimento ao convenio, unha unha vez que o Pleno aprobou por unanimidade na sesión celebrada onte unha proposta de modificación do presuposto provincial, vía suplemento de crédito, e que inclúe o destino dun millón de euros para a construción e dotación destas dúas residencias. Trátase, en definitiva, de que a institución luguesa “axilice este trámite”, pois, destacan os rexedores, “nós xa fixemos o que tiñamos que facer, que era aportar os terreos e as localizacións para que estes centros se poidan levar a cabo”.

 

“O que demandamos non é nada extraordinario. Só pretendemos e esiximos que a Deputación cumpra o seu compromiso. Pola nosa parte, está todo feito, así que agardamos que o organismo provincial tamén cumpra como o está a facer con outros Concellos, ou é que a caso os veciños de Folgoso e de Portomarín son diferentes aos de Becerreá, onde si que se avanzou neste proceso a pesares de que está na mesma situación que nós?”, pregúntanse Castro e Serrano.

 

Campos debe deixar de xogar politicamente coas residencias

Os alcaldes destes dous municipios reiteiran que Campos debe deixar de xogar politicamente coas residencias e cos maiores e iniciar canto antes a construción deste dous centros. Así, urxen a que o presidente da Deputación cese no seu empeño de poñer atrancos que se estenden dende cambios na entidade encargada da súa construción, como no seu modelo de xestión e na dotación orzamentaria, pois, o Pleno celebrado o 29 de novembro de 2016 aprobaba, a iniciativa do Grupo Popular, a materialización da encomenda de xestión a SUPLUSA para a construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín. Coa aprobación da proposta de onte, agora a execución correrá a cargo da Deputación. “O presidente ten agora unha oportunidade marabillosa para facer cumprir o convenio. Confiamos en que teña alturas de miras e estea á altura das circunstancias”, conclúen.