Partido Popular de Lugo

O PP pon en valor que a Xunta de Galicia conceda a Sarria un obradoiro de emprego que permitirá a contratación de 20 parados

SARRIA, 27 de xullo de 2017.- O Partido Popular de Sarria quere poñer en valor o compromiso da Xunta de Galicia con este Concello, pois o Goberno galego vén de concederlle un obradoiro de emprego, que permitirá a contratación de 20 parados do municipio. Concretamente, os beneficiarios desempeñarán labores de albanelería e de pavimentación de urbanizacións. A selección levarase a cabo en agosto, de tal xeito que comezarán a traballar no mes de setembro.

 

“Unha vez máis, temos boas novas para os veciños de Sarria, que veñen da man da Xunta de Galicia, e que poñen de relevo a aposta dos Gobernos do PP por reducir as taxas de desemprego”. Como resultado destas políticas de actuación, nas que se inclúen este obradoiros, indican os populares, son os datos do paro que se fixeron públicos no día de hoxe é que amosan unha clara mellora en materia laboral. E é que, en xuño, 65 sarrianos abandonaron as listaxes do paro, baixando o número de desempregados de 966 a 921.

 

“Cremos, sen lugar a dúbidas, e así o queremos poñer de relevo, que é unha dobre satisfacción. Aumentan o número de contratos a nivel xeral e a Xunta dálle a Sarria este obradoiro que permitirá seguir contratando a máis xente. O compromiso con este Concello e con esta comarca é máis que manifesto”, subraian.

 

Contrato, formación e certificado de profesionalidade

Ademais das 20 persoas contratadas, o obradoiro inclúe o traballo dun monitor por cada módulo, un administrativo e un director. Deste xeito, as contratacións aproxímanse ás 25 persoas. Os beneficiarios deste programa, que a Xunta leva a cabo en coordinación cos concellos lucenses, recibirán formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español. O período do contrato é de seis meses.

 

Trátase dunha iniciativa que non é compartida con ningún outro concello, senón destinada exclusivamente ao de Sarria. A este respecto, os populares agradecen a colaboración da Xunta de Galicia, “pois estamos a falar unha iniciativa que contribúe á facilitar a inserción laboral e, por outra banda, mellorar distintos espazos públicos”.