Partido Popular de Lugo

O PP de A Pastoriza esixe ao alcalde que “exerza a súa responsabilidade” e inicie “canto antes” o desbroce das pistas municipais

A PASTORIZA, 27 de xullo de 2017.- O PP de A Pastoriza denuncia “o estado deplorable” no que o Concello mantén as pistas de titularidade municipal e os accesos ás fincas. E é que, segundo indican, practicamente todos os viais que xestiona a entidade local “teñen tanta maleza que incluso se fai difícil a circulación polos mesmos”; o que está a provocar numerosas queixas entre a veciñanza. É por este motivo polo que o voceiro do Partido Popular neste municipio, Luis Cabado, en representación do grupo municipal, esixe ao alcalde e ao seu Goberno que “exerza a súa responsabilidade” e inicie “canto antes” o desbroce nas vías locais.

 

A entidade local é a responsable directa de manter en perfecto estado todos os camiños e pistas, polo que “non se pode consentir o salvaxismo no que se atopan a maioría dos accesos das parroquias, incluídas as vías principais do municipio, sobre todo, cando estamos nos meses de maior risco de incendio”, apunta.

 

Imaxe do Concello, “a dun sitio abandonado”

Neste senso, atribúe esta situación á falla de xestión do Goberno local, ao tempo que lamenta “que a imaxe que estamos dando ante a xente que nos visita durante o verán, xa que son moitas as festas que se celebran nas parroquias, o que supón un reclamo para moitos visitantes, sexa máis ben a dun sitio abandonado”.

 

“Existe un claro desleixo no mantemento das estradas. Calquera cidadán que se dea un paseo polo municipio pode comprobar o que dende o Partido Popular estamos dicindo. Cremos que o Goberno local ten que actuar xa, pois é unha vergoña como están os accesos. A maleza non só aumenta o perigo en caso dun lume, senón que tamén pode ser causante de posibles accidentes, xa que reduce moitísimo a visibilidade á hora de circular por elas”, subraia o voceiro do PP.

 

Queixa unánime

Por outra banda, esta situación chega a tal punto que é unha queixa simultánea e unánime en todas as parroquias. É por elo que a proliferación de maleza “trae de cabeza aos cidadáns”, invade o acceso a pistas, así como o escaso espazo dalgunhas beiravías. ”Trátase, por tanto, dun “pasotismo claro e notable” por parte dos responsables locais. “É unha vergoña. Non hai mantemento; de aí que pidamos celeridade e axilidade nos trámites para iniciar o desbroce canto antes”, conclúe Cabado.