Partido Popular de Lugo

Os alcaldes de Folgoso do Courel e de Portomarín solicitarán mañá mesmo a sinatura do convenio para a construción das residencias nos seus concellos

Lugo, 26 de xullo de 2017.- Os alcaldes de Folgoso do Courel, Lola Castro, e de Portomarín, Juan Serrano, dirixiranse mañá mesmo á Deputación de Lugo para solicitar a sinatura inmediata dos convenios que permitirán dotar aos dous concellos de centros de atención a persoas maiores.

 

Os rexedores urxirán á materialización da sinatura deste convenio unha vez que hoxe o Pleno da Deputación aprobou por unanimidade unha proposta de modificación do presuposto provincial, vía suplemento de crédito, que incluía que se destine a cantidade dun millón de euros á construción e dotación destas dúas residencias, unha vez que os concellos xa cumpriron cos seus compromisos e aportaron os terreos e as localizacións para levantar as infraestruturas para os maiores.

 

Os alcaldes consideran que xa se debe de poñer fin á parálise que o Goberno da Deputación está a someter aos proxectos das residencias escudándose nunha serie de manobras inxustificadas por parte do presidente, Darío Campos. “Os atrasos son enormes e mentres noutros Concellos, como é o caso de Becerreá, xa se teñen dado pasos, en Portomarín e Folgoso do Courel seguimos a espera”.

 

 

Castro e Serrano precisan que Campos debe deixar de xogar politicamente coas residencias e cos maiores e iniciar canto antes a construción das de Portomarín e de Folgoso do Courel. Así, urxen a que o presidente da Deputación cese no seu empeño de por poñer atrancos que se estenden dende cambios na entidade encargada da súa construción, como no seu modelo de xestión e na dotación orzamentaria.

 

O Pleno celebrado o 29 de novembro de 2016 aprobaba, a iniciativa do Grupo Popular, a materialización da encomenda de xestión a Suplusa para a construción e equipamento das residencias de Becerreá, Folgoso do Courel e Portomarín. “Agora farao a Deputación. O noso interese é que sexan unha realidade xa. Hoxe deuse un paso máis e agradecemos o traballo e a implicación dos grupos do Goberno e queremos que se asine canto antes o convenio que regule estas construcións”, reiteran.