Partido Popular de Lugo

O PP de Alfoz e O Valadouro valoran que a Xunta incorpore novas paradas de transporte público, pois “corríxese a situación actual e dásenos un servizo que non tiñamos”

ALFOZ / O VALADOURO, 26 de xullo de 2017.- Os voceiros de Alfoz e O Valadouro, Juan José Fraga e José Manuel Lamela, respectivamente, logo de coñecer a previsión da Xunta de Galicia de incorporar novas paradas de transporte público nestes municipios, agradecen o compromiso do Goberno galego, “pois corríxese unha situación actual, ao tempo que se nos dota dun servizo que ata o de agora non tiñamos, pois eran paradas que non existían. Pasamos de estar incomunicados e comunicados grazas ao Goberno galego”, subliñan.

 

E é que con esta iniciativa, incluída no novo Plan de Transporte Público de Galicia, garántese, ademais, a conexión co Hospital da Costa e co resto de liñas da comarca e da provincia. “En definitiva, estamos diante dun investimento necesario, e que de seguro saberán valorar os nosos veciños. Mellórasenos a comunicación en todos os sentidos. Cremos que se dá así unha solución a un problema e, unha vez máis, comprobamos quen é a administración que realmente inviste en A Mariña”.

 

Mellora e ampliación do servizo

As catro novas paradas situaranse en A Seara e Vilaude, no municipio de Alfoz, e en Ferreira, no de O Valadouro. A liña continuará por Foz (con paradas en Santa Icía, Casa da Cultura, estación de autobuses e Nois) e por Burela (Hospital da Costa, Palacio de Cristal e estación de autobuses). Asemade, no conxunto de A Mariña, este novo Plan non só garante a continuidade dos servizos, senón que os incrementa notablemente, ao multiplicar por seis o número de parada con respecto ao actual.

 

“Os veciños de Alfoz e O Valadouro estaremos mellor comunicados e iso é grazas, sen lugar a dúbida, a unha Xunta de Galicia que se preocupa polos Concellos que estamos máis no interior. Por tanto, consideramos oportuno facer esta valoración”, conclúen.