Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP consegue que a Deputación de Lugo poña en marcha un plan provincial de estradas de carácter plurianual

Lugo, 26 de xullo de 2017.- A Deputación Provincial de Lugo porá en marcha un plan plurianual provincial de estradas a desenvolver durante o 2017, 2018 e 2019 a raíz dunha iniciativa presentada hoxe polo Grupo Popular e que contou co apoio unánime de todas as forzas políticas.

 

A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, explicou que esta mañá, tras ser rexistrada a moción do Grupo Popular, o Goberno convocou unha reunión para chegar a un acordo sobre a necesidade de realizar un maior esforzo inversor en estradas o que, segundo a popular, “marca un antes e un despois na institución lucense, xa que estamos ante unha reivindicación moi importante. Primeiro defendemos unha maior implicación na asistencia e a cooperación cos concellos e agora loitamos por darlle prioridade ás estradas, xa que esta institución non pode dar exemplo no mantemento da súa rede viaria. Moitas das vías presentan un estado deplorable, incluso en zonas de interese turístico como A Ribeira Sacra ou A Mariña”.

 

Dun xeito máis preciso, o acordo aprobado por unanimidade asume un incremento no esforzo inversor en estradas, garantindo 20 millóns de euros para a primeira anualidade, así como que as actuacións se guían por criterios obxectivos e razoables. “Estamos ante un paso importante, que permite darlle resposta a demanda dos veciños e veciñas, para que as súas estradas teñan unhas condicións dignas e conten con comunicacións razoables”.

 

A Deputación destinará ao Plan 15 millóns de euros a través dunha operación de crédito e cinco millóns de euros máis a través de fondos propios do Orzamento provincial.

 

“Estamos ante unha nova etapa na Deputación, ante outra forma de actuar e este é o maior acerto da lexislatura despois da aprobación do Plan Único. Lideramos unha proposta que marca un antes e un despois, e do que nos sentimos orgullosos”, precisa. “Agora pedimos celeridade para que as xestións se fagan o antes posible e se comece a investir na rede viaria provincial”, esixen.