Partido Popular de Lugo

Novas Xeracións da provincia abordará en Lugo as oportunidades laborais e de formación dos mozos lucenses

LUGO, 20 de xullo de 2017.- Novas Xeracións da provincia analizará mañá as oportunidades de desenvolvemento laboral e formativo dos mozos lucenses no marco da xornada “A Xeración das Oportunidades”. Para elo, a organización xuvenil contará coa intervención da directora xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Cecilia Vázquez Suárez; o director do INJUVE (Instituto de la Juventud de España), Javier Dorado Soto; a presidenta provincial, Elena Candia; e os presidentes de Novas Xeracións de Galicia e de Lugo, Diego Gago e Rosa Arza, respectivamente.

 

A xornada, que terá lugar no restaurante Los Robles (Lugo), a partires das 20:00 horas, enmárcase dentro da intensa actividade que impulsa a agrupación luguesa, co fin de implicar aos máis mozos nos distintos proxectos que se están a levar a cabo na provincia para aumentar e consolidar novas oportunidades laborais.

 

Recentemente, os integrantes de Novas Xeracións da provincia, acompañados polo secretario xeral, Carlos Armesto, asistiron tamén a unha xornada-informativa sobre os proxectos que se están a levar no aeródromo de Rozas, grazas á aposta decidida dos Gobernos Central e da Xunta para o desenvolvemento do Centro de Investigación de Aeroportada de Rozas (CIAR). Xa naquela visita, a responsable provincial anunciara que proximamente a organización levaría a cabo máis iniciativas deste tipo porque, asegura, “é importante coñecer e trasladar aos mozos coma nós que en Lugo temos futuro e oportunidades de realizarnos profesionalmente”. O encontro de mañá é, por tanto, un exemplo máis do compromiso que a organización ten cos rapaces da provincia, e da continuidade ao programa de actuacións que lidera a agrupación xuvenil.

 

Á xornada, ademais das personalidades indicadas, asistiran o secretario xeral, Carlos Armesto, o presidente do PP de Lugo, Ramón Carballo, e a deputada autonómica, Encarna Amigo, entre outros cargos desta formación política.