BURELA, 14 de xullo de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do Concello de Burela acusa ao alcalde de ocasionar “un caos monumental” nas rúas do centro de Burela durante boa parte do día de hoxe, por non ter preparadas alternativas ó tráfico con motivo da Festa Castrexa, a pesares de que ten asumidas as competencias en materia de tráfico.
Neste senso, os populares consideran que “cortar ó tráfico treitos de rúas tan céntricas, Pardo Bazán e Eijo Garay, con tanta dotación de servizos, establecementos comerciais e accesos a garaxes, ten que contar con unha planificación rigorosa, que se ten demostrado que non existía, e de existir era manifestamente mellorable”, apuntan.
Deste xeito, aseguran que “o caos” formouse xa a primeiras horas en Rosalía de Castro e Curros Enríquez, e extendeuse a través de Eijo Garay ata Arcadio Pardiñas. Tanto foi así, que se improvisaron cortes de tráfico nas interseccións Leandro Cucurny/Curros e Travesía do Porto/Avda da Mariña, para impedir acceso dos usuarios a Curros Enríquez. “Un auténtico desastre, só achacable á vagancia dun alcalde máis preocupado por salir nas fotos que por solucionar problemas”, denuncian.
Múltiples queixas
Os edís do PP recibiron ao longo da mañá múltiples queixas de cidadáns que non podían acceder aos seus puntos de destino por non se teren perfiladas alternativas. “A xente está moi cabreada”, insisten. E é que, se a isto se lle engade que locais de hostalería instalaron terrazas en zonas de calzada reservadas para aparcadoiro –“o que está absolutamente prohibido aínda sendo a Festa Castrexa-, conclúen “que a lei da selva vaise instalando en Burela, ante a pasividade absoluta pero non descoñecida do alcalde e o seu equipo”.
Finalmente, indican que “se o concello colabora realmente co festexo, o primeiro que ten que evitar é que haxa xente que se enfade precisamente por cousas coma esta. En todo caso, xa sabemos que o alcalde achacará o desastre de hoxe aos que collereon os coches para moverse hoxe por Burela, ao mercado, aos visitantes, e mesmo ao PP. Calquera cousa, menos asumir responsabilidades, por suposto”, rematan.