LÁNCARA, 13 de xullo de 2017.- O voceiro do PP en Láncara, Santiago Cubillas, ante a petición do alcalde deste municipio de acudir ao debate con veciños, subliña que “se el quere seguir adiante, nós non temos nada que esconder”. Neste senso, pídelle ao socialista que “fixe data e hora, e que prepare as maletas”. Así de contundente se mostra o popular, logo das últimas declaracións do rexedor socialista. E é que, reitera, o investimento da Xunta de Galicia neste Concello “é aínda superior á cifra dada polo propio responsable deste administración en Lugo”.
“Non temos ningún problema en acudir a ningún sitio porque as obras e outros fondos que o Goberno galego destina a Láncara saen publicados moitos deles no Diario Oficial de Galicia. Creo que non hai maior transparencia que esta”, destaca Cubillas, quen remarca que as manifestacións do rexedor recoñecen, “cando menos, que a administración autonómica si que inviste no noso Concello”, pero é que, ademais, reitera, “é a que máis inviste con diferenza no noso municipio”. Deste xeito, insiste: “e é que os fondos destinados a subvencionar as prazas na residencia ou as axudas para a incorporación de mozos ás explotacións non son investimentos que fai o Goberno galego neste municipio? porque para nós, indica, tan importante son os que se fan a través do Concello como a través dos veciños”.
Actitude “non positiva”
Con todo, o voceiro popular considera que “a actitude do Sr. Darío non é positiva”, ao tempo que suliña que o que “non imos permitir é que manipule as cifras”. Por iso, e co fin de esclarecer “as dúbidas” do socialista, “que só contribúen a confundir á cidadanía”, dende o Partido Popular están dispostos a abordar este asunto incluso no Pleno que a Corporación celebrará a finais de mes.
“Non temos ningún problema en explicar todo o que está a facer a Xunta, xa que os datos non os invento eu, nin o delegado, nin o Partido Popular; o datos son públicos e contrastables”, insiste o popular.