Partido Popular de Lugo

O PP afirma que “a Deputación acerta co slogan porque ‘Lugo cambia’ mentres seguen sen acometer unha soa acción do plan estratéxico de turismo”

Lugo, 13 de xullo de 2017.-O Grupo Provincial do PP asegura que a Deputación acerta co slogan que elixiu para o Plan Estratéxico de Turismo da Provincia 2017-2020 porque efectivamente ‘Lugo cambia’ mentres seguen sen acometer unha soa acción que repercuta de xeito positivo no sector.

 

Desde o Grupo Provincial do PP denuncian que o Goberno da Deputación segue a acumular retrasos na posta en marcha do Plan Estratéxico de Turismo máis de sete meses despois de adxudicar o proxecto. Recordan que xa en 2016 o PP rexistrou, ante a desgana do PSOE, unha proposta de plan de turismo, no que se tivo en conta ao sector e que o Goberno desatendeu. E onte só foron capaces de presentar “as primeiras accións”, censuran.

 

500 euros para presentar o acto máis un servizo de catering

Os populares denuncian ademais que se teñan gastado 500 euros na condución do evento de presentación do plan aos que hai que sumar o gasto por un servizo de catering, cando non existe aínda unha soa web oficial de turismo da provincia, pese a terse anunciado en numerosas ocasións e a dispor dun orzamento de 400.000 euros para este ano. Lembran ademais que o apartado de turismo da web institucional estivo meses sen actualizar o seu contido e que non ofrece información de interese para os visitantes.

 

Os populares consideran “esaxerada” a posta en escena que se fixo para a presentación do plan, “máis propia dunha cerimonia de casamento que dunha presentación pública”.

 

“O que presentaron onte é un documento de cara a galería no que falan de 4 eixes de actuación, 6 liñas estratéxicas, 14 plans, 71 accións pero está a piques de pasar o verán e nin unha soa medida enriba da mesa”, precisan os populares. Teñen dotación suficiente e a un sector preocupado polo seu despegue, agora fáltalles poñerse a traballar”, engaden.

 

Dende o Grupo Popular aseguran que son “inadmisibles” máis demoras para traballar todos xuntos por unha provincia que “conta con catro dos catorce xeodestinos nos que a Lei de Turismo de Galicia divide a Galicia; con seis declaracións da UNESCO, sendo a provincia de toda España que ten máis declaracións por parte da UNESCO; ao que sumamos catro dos Camiños recoñecidos oficialmente a Santiago; e somos, obxectivamente, a provincia de España con máis quilómetros de rutas xacobeas; ademais de ter un magnífico atractivo nas montañas de Courel e dos Ancares; un forte potencial turístico das mellores praias e dunha cidade bimilenaria como Lugo; ou ser o destino de turismo rural de interior de toda España co maior crecemento nacional; entre moitos outros recursos”.