Partido Popular de Lugo

O PP de Lugo iniciará en setembro un plan de reunións con todos os barrios, distritos e parroquias do municipio

LUGO, 12 de xullo de 2017.- O presidente da Xunta Directiva Local, Ramón Carballo, anunciou na reunión mantida esta tarde polos integrantes de órgano directivo que, no mes de setembro, iniciarán un plan de visitas e de xuntanzas con todas as parroquias e distritos do municipio lucense para “pulsar a opinión dos veciños, escoitar as súas peticións e trasladalas ás administracións correspondentes, co fin de dar unha resposta ás súas demandas”.

 

Deste xeito, durante as vindeiras semanas deseñarase este “planning de traballo, co que percorreremos, indicou Carballo, todas as rúas da cidade e toda a zona rural”. En definitiva, trátase de dar cumprimento ao compromiso que “asumimos no mes de maio, collendo as rendas desta agrupación”. Neste senso, o obxectivo deste plan é, por tanto, indicou o líder da agrupación local, “dedicarnos aos lucenses, sacar o Partido da sede e levalo alá onde nos demandan e somos necesarios”.

 

Este plan estará coordinado polo vicepresidente da Xunta Directiva, Enrique Rozas, e integrado polos vicesecretarios de Coordinación de Procesos Electorais e relación cos afiliados e distritos, Javier Vázquez Nodal; de Comunicación e voceira do Comité Executivo, Mar Carballás Piñeiro; e polo de Programas e Xuventude, Javier Vázquez Prado.

 

 

Aumento da afiliación

Incluido no informe da secretaria, no transcurso da xuntanza, tamén se deu conta das novas altas rexistradas dende que se produciu o cambio na dirección do Partido. Concretamente, constatouse “un incremento considerable” pois, no último mes, é dicir, en xuño, produciuse un novo inscrito cada dous días. “Creo que imos polo bo camiño. Os afiliados son a base que sustenta o Partido. Nisto temos que seguir traballando porque, grazas a eles, conseguiremos outro dos obxectivos, que o PP siga medrando neste municipio”, remarcou Carballo.

 

Outros asuntos da Orde do Día

No marco do informe do presidente, informouse da nova estrutura do Partido, de tal xeito que o Comité de Dirección está integrado polo presidente (Ramón Carballo), o vicepresidente (Enrique Rozas), a secretaria xeral (Mari Teijeiro) e os cinco vicesecretarios (Medio Rural, Manuel López Fernández; Coordinación de Procesos Electorais e relación cos afiliados e distritos, Javier Vázquez Nodal; Comunicación e voceira do Comité Executivo, Mar Carballás Piñeiro; Programas e Xuventude, Javier Vázquez Prado; e de Asuntos Municipais, Antonio Ameijide). Este órgano reunirase cada quince días e será decisivo no funcionamento xeral da Xunta Directiva Local.

 

Asemade, a Xunta Executiva e Directiva reunirase cada dous meses intercalados para que as xuntanzas non coincidan no mesmo mes, configurándose estas como os órganos supremos da dirección.

 

Noutra orde de asuntos, comunicáronse os cambios realizado no Grupo municipal, tanto os orgánicos como os de Gabinete, así como a incorporación de Ángel Trabada como edil e a distribución das exclusivas, que quedan fixadas, como xa se dixo en días pasados, en tres. Estas recaen no vicepresidente (Enrique Rozas), no voceiro municipal (Antonio Ameijide) e no responsable de Medio Rural (Manuel López).

 

Pola súa banda, o voceiro municipal tamén explicou a distribución das áreas de función do Grupo, ademais dos temas levados ao anterior Pleno e as propostas previstas para a sesión deste mes, así como outras actuacións que teñen unha repercusión importante no desenvolvemento da cidade como é o proxecto do barrio da Residencia, no que o Goberno de Feijóo creará o primeiro centro integral de saúde de Galicia.

 

Manifesto Miguel Ángel Blanco

O PP de Lugo tamén se sumou ao programa de actos que, baixo o título “Miguel Ángel Blanco, la conciencia despierta” organizou a fundación que leva o seu nome en todo o país cun total de 70 actividades. Deste xeito, os participantes, previamente á reunión da Xunta Directiva Local, e acompañados pola presidenta provincial, Elena Candia, gardaron un minuto de silencio e, a vicevoceira municipal Ana López Pombo, procedeu á lectura do manifesto, co que se conmemora o 20 aniversario do pasamento do ex concelleiro asesinado pola organización terrorista ETA.