Partido Popular de Lugo

Becerreá, outro Concello que renuncia á brigada da Xunta que prestaría un servizo clave na prevención e loita dos lumes e permitiría a creación de emprego neste municipio

BECERREÁ, 12 de xullo de 2017.- Becerreá tamén renunciou adherirse ao convenio que ofrece a Xunta de Galicia para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais para e no financiamento e dotación de brigadas ás entidades locais. Deste xeito, o Goberno local, presidido por un alcalde socialista, ademais de rexeitar un servizo clave para atallar os posibles lumes que se produzan durante o verán, declina a posibilidade de que se creen ata 6 novas contratacións que pode levar aparelladas a sinatura do acordo que a administración autonómica puxo a disposición deste Concello.

 

Esta decisión, que os populares cualifican de “desafortunada”, supón que o rexedor “desaproveita” unha oportunidade importantepara garantir a seguridade dos cidadáns e, ao mesmo tempo, un servizo que completa outros existentes en materia de prevención e preservación dos espazos naturais cos que conta Becerreá. E é que este Concello atópase en plena Reserva da Biosfera de Os Ancares, polo que “toda a protección que se faga neste eido para preservar a riqueza medioambiental e paixasística sempre é pouca”, destaca o voceiro do PP neste municipio.

 

Ademais, con esta brigada poderíanse facer traballos preventivos de maneira manual, consistentes en rozas en vías ou camiños de titularidade municipal, áreas cortalumes ou en superficies nas que o propietario lle teña cedido o uso, co fin de que o lume, no caso de producirse, avance mais lento e con menos intensidade.

 

Asemade, Miguel Cela tampouco quere deixar de mencionar “outro beneficio que non é menor”, que é quea adhesión a este iniciativa permite xerar emprego. Deste xeito, “rexeitar isto, é rexeitar que os veciños se poidan beneficiar dos empregos vinculados ás novas contratacións”. En concreto, sonbrigadas de entre 4 e 6 compoñentes, que traballarían durante os próximos tres meses.

 

O popular fai estas valoracións porque outro dos beneficios de que os Concellos se acollan a este convenio é que o servizo que prestan as brigadas é máis pegado ao territorio que, por exemplo,os GES. Estas están máis centradas no municipio e actúan en caso de extinción como unidade de primeira intervención. O acordo de colaboración permite tamén financiar, co apoio da Xunta, os custos de mantemento da motobomba e a realización de desbroces mecanizados nas marxes de vías municipais aos que si está adherido o Concello.