Partido Popular de Lugo

Santiago Cubillas reta ao alcalde a un debate con veciños para explicar os investimentos da Xunta neste municipio

LÁNCARA, 10 de xullo de 2017.- O voceiro do PP en Láncara, Santiago Cubillas, ante as declaracións do tenente alcalde deste municipio sobre os investimentos da Xunta de Galicia, reta ao rexedor municipal a un debate con público para explicar os investimentos da administración autonómica nesta localidade, pois “está claro que nin el, nin Pablo Rivera se enteran”, xa que os fondos que destina o Goberno galego á mellora de servizos e dotacións neste Concello superan aínda máis os 2 millóns cifrados polo delegado autonómico.

 

“Emprezamos ao Sr. Darío Piñeiro a unha xuntanza con veciños para dar conta de todas as obras que fai a Xunta en Láncara porque a nós o que non interesa non é que o alcalde e o tenente alcalde saiban que é o que fai o Executivo de Feijóo aquí, o que nos interesa é que o saiban os veciños. Non temos nada que esconder. É máis, ata agradeceríamos que este debate se producise porque así se vería claramente quen minte sobre este asunto”, subliña Cubillas.

 

Por iso, insiste o popular “o que non podemos consentir é que falten á verdade a este respecto”, ao tempo que lamenta “que, no canto de aproveitar a colaboración da Xunta, que sería a postura máis intelixente, o único que fan é queixarse. É unha mágoa que entren neste rifirrafe político, pois o único que lle importa aos cidadáns é que se fagan as obras”, destaca.

 

Rivera, o tenente alcalde ausente: “só vén de vacacións ou en cuestións puntuais”

Con todo, e malia que “todo isto semella ser un ataque froito da desesperación dos socialistas ante a realidade de que a Xunta é a administración que máis inviste en Láncara”, recoñece que este descoñecemento de Pablo Rivera, ao igual que o amosado en días pasados polo rexedor, “non é de estrañar, pois todos os lancareses sabemos que o tenente alcalde só vén a Láncara de vacacións ou en cuestións puntuais, polo que ata é lóxico que non se entere do que se fai neste Concello”. Proba delo, é que “o Sr. Pablo Rivera case non vén ás Xuntas de Goberno Local”, puntualiza.

 

 

 

 

 

Fuxida cara diante”

Asemade, Santiago Cubillas salienta que “ao igual que sabemos que non vive en Láncara, tamén sabemos que o que máis lle interesa ao Sr. Rivera é a Deputación; tanto que, ata polo que se puido ver nas pasadas eleccións municipais ata tiña aspiracións moi altas…”, engade.

 

Por todo elo, e ante unha crítica, que cualifica “de fuxida cara adiante do socialista”, recoméndalle “máis dignidade política e que se pasee algo máis por todo o Concello. Así verá o que fai a Xunta e tamén o que non fai a administración da que forma parte, pois a Deputación mantén as estradas en tan malas condicións que, incluso, moitas delas, parecen selvas pola maleza que invade o firme”. A este respecto, conclúe o popular, tamén apela á responsabilidade da entidade local en asuntos que son propios da súa competencia e que están desantendidos. É o caso, indica, da recollida de lixo que, en aldeas como a de Cabezais (parroquia de Vilouzán) levan sete meses sen este servizo.