Partido Popular de Lugo

O PP denuncia a intención do alcalde de querer apropiarse das obras de mellora e dotación da escola infantil, cando foron financiadas nun 90% pola Xunta

Venres, 7 de xullo de 2017.- O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia a intención do alcalde de querer apropiarse das obras de mellora e dotación da escola infantil, cando foron financiadas nun 90% por outra administración, en concreto pola Xunta de Galicia.

 

A voceira do PP, Julia Rodríguez, asegura que esta nova maniobra do rexedor responde á súa total falta de ideas e iniciativas, polo que lle pide “máis traballo e menos fotografías para a prensa” presumindo dunha actuación da que o Concello tan só custeou o 10%.

 

Desde o Grupo Municipal do PP explican que a Consellería de Política Social resolveu a concesión da axuda solicitada polo Concello de Monforte para o investimento na mellora das infraestruturas e do equipamento das escolas infantís 0-3 e dos puntos de atención á infancia dependentes das corporacións locais pola contía de 29.516,72 euros cos seguinte desgregación:

 

a) 19.082,94€ correspondentes a obras na escola infantil municipal; en concreto, adecuación do patio exterior.

b) 7.990,31€ correspondentes a adquisición de mobiliario para a escola infantil; 4 mesas integrais con 5 asentos cada unha

c)2,443,47€ correspondentes á integración de novas tecnoloxías na aula; unha pantalla de 55¨ multitáctil e un ordenador portátil.

 

A maiores, para este ano o Concello de Monforte presentou a súa solicitude para un proxecto de mellora das infraestruturas e equipamento da escola infantil municipal cun investimento total de 3,998,56 euros para o que solicita a subvención do 90% (3.598,70€) e achegando o Concello o 10% restante (399,86€).

 

Axudas do Bono Concilia

En relación co bono que o rexedor anunciou para as familias, o PP pregúntase se é por falta de coñecemento das axudas da Xunta ou se o Goberno local vai complementar as contías que xa se destinan ao Bono Concilia. Así, na localidade resolvéronse favorablemente a totalidade das solicitudes do Bono Concilia para o curso 2016-2017 para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil privada aqueles que non puideron facelo nunha sostida co fondos públicos.

 

Julia Rodríguez pídelle ao rexedor que aclare a razón pola que anuncia esta medida, posto que todas as solicitudes foron atendidas pola Xunta. “É preciso saber se son axudas complementarias ás da Xunta ou se tamén se quere anotar o tanto, como fixo coas obras da gardería municipal”, precisa a voceira.

 

Lamentamos que a intención poida ser presentar como novedosas unhas axudas como as que se outorgan por parte da Xunta a través do Bono Concilia, obviando ademais que a administración autonómica resolveu favorablemente o 100% destas axudas solicitadas na localidade, é dicir, a súa totalidade.