Lugo, 6 de xullo de 2017.- O Grupo Provincial do PP censura o descaro que puxo de manifesto o PSOE ao “colocarse detrás dunha pancarta” na que se reivindica a equiparación salarial dos traballadores do Consorcio de Bombeiros cando “é o Goberno socialista da Deputación o que está a bloquear o cambio no modelo de xestión, que posibilitaría a suba salarial que demandan”.
O deputado Carlos Armesto non entende que aos representantes socialistas “non lles caia a cara de vergoña” ao participar nunha manifestación cando “son eles mesmos os que están a paralizar o cambio de xestión dos parques de bombeiros a un modelo de xestión directa, o que posibilitará a equiparación salarial para os traballadores”.
Dende o Grupo Popular consideran “absolutamente reprobable” que o PSOE pretenda abandeirar un tema “do que é o responsable, xa que levamos 18 meses á espera de que as deputacións entreguen o informe económico e xurídico que deben elaborar para garantir a viabilidade do cambio de modelo de xestión e acadar a suba salarial dos traballadores”.
A pelota está no teito dos socialistas
O Grupo Popular explica que “a pelota está no teito dos socialistas e que o Goberno da Deputación é o responsable de desbloquear esta situación que permitirá unha equiparación salarial entre os traballadores dos parques de bombeiros do Consorcio lucense e o resto dos profesionais que prestan as mesmas funcións na comunidade autónoma”.
Neste eido, dende o PP lembran que ao estar próximo o remate do actual contrato de xestión indirecta dos parques do Consorcio de Bombeiros de Lugo, participados en condicións iguais pola Xunta e a Deputación, xorde o debate sobre a idoneidade de implantar un modelo de xestión directa dos parques de bombeiros provinciais, existindo o compromiso por parte da administración provincial de elaborar un informe que estableza a idoneidade deste cambio. A definición deste modelo de xestión permitiría a suba salarial dos traballadores.
Ante esta situación, dende o PP “insistimos na necesidade de que e defina o modelo de xestión, que debe ser directa, o que garantirá o mantemento de todos os postos de traballo e a viabilidade do proxecto”. Neste senso, censuran de novo que “levemos 18 meses esperando polos informes xurídicos e técnicos. O PSOE anuncia en prensa o seu posicionamento á favor da xestión directa, participa en manifestacións, pero non están a traballar, simplemente se limitan a mentir. Pedimos axilidade e que cumpran co mandato plenario que os obriga a presentar o mencionado informe que avalaría a idoneidade do cambio de modelo de xestión dos parques”, sostén Armesto.
Claro compromiso do PP e do Goberno galego
Dende o Grupo Popular consideran que o PP sempre mantivo unha postura construtiva na que se atenderon e escoitaron as demandas que teñen feito os bombeiros e mesmo, lembran, no último pleno “conseguimos o apoio do PSOE para axilizar o cambio a un modelo de xestión directa dos parques de bombeiros, o que posibilitará a suba salarial para os traballadores”.
“É a forma de avanzar, dando os pasos con consenso, tal e como vén pedindo a Xunta. Por iso pedimos que as deputacións entreguen o informe económico e xurídico que teñen que elaborar e que leva 18 meses de retraso xa que só co desbloqueo do modelo de xestión se pode acometer esa suba salarial para que os condicións dos traballadores poidan equipararse coas do resto dos profesionais que realizan as mesmas tarefas en Galicia”.
Os populares lembran tamén que a Xunta está á espera de que as Deputacións aporten os informes que comprometeran sobre a viabilidade do cambio de xestión dos parques, respecto á posibilidade de integrar aos traballadores e sobre a viabilidade económica dun cambio de sistema cara a xestión directa. “Non parece lóxico tomar novas decisións sobre os parques, como a homoxeneización salarial, sen ter aínda aclarado cal debe ser o modelo de xestión. A pelota está no tellado das deputacións, que teñen vertido incerteza sobre o modelo e que deben aclarar canto antes a súa postura”, precisan.
A falta de xestión de Darío Campos
Os populares esixen aos socialistas que “deixen de mentir e de confundir a cidadanía” e lamentan que o presidente da Deputación “de novo se estea a esconder detrás do voceiro do PSOE e non sexa quen de dar a cara e as explicacións oportunas derivadas da súa incompetencia”.