Partido Popular de Lugo

Os populares de Sarria responsabilizan á alcaldesa dos roubos dos negocios, pois esta aínda non cumpriu o acordo plenario no que pedían do mantemento do servizo da Policía Local durante a noite

SARRIA, 5 de xullo de 2017.- O PP de Sarria responsabiliza á alcaldesa de Sarria dos roubos sucesivos que están a padecer os negocios locais. E é que a rexedora local aínda non cumpriu o acordo plenario adoptado hai case sete meses, e no que o Partido Popular lle solicitou o mantemento do servizo da Policía Local ás noites, “co fin de previr, precisamente, estes e outros incidentes”. Deste xeito, os populares consideran que este tipo de sucesos “están directamente relacionados” co incumprimento do acordo adoptado, “xa que, do contrario, estamos convencidos de que non chegariamos a esta crítica situación”, destacan.

 

Naquel momento, refírense dende o PP ao momento no que se debateu a iniciativa proposta por esta formación, a alcaldesa alegou que o servizo nocturno non era necesario “porque somos un vila tranquila”, opoñéndose así a esta medida. Para os populares, e logo do que publicaron hoxe os medios de comunicación, demóstrase “que este Goberno local carece de responsabilidade e está sumido nunha clara deixación de funcións”. Tal é así, lamentan, que “esta falta de rigor e de previsión” sitúa a esta localidade “na listaxe de vilas pouco seguras e co maior número de pleitos xudiciais contra o Concello”.

 

Moitas queixas

Por todo elo, a formación local popular pídelle á alcaldesa “que recapacite canto antes, pois é un escándalo que Sarria non teña Política Local de noite, así como as queixas que dende hai algún tempo nos veñen chegando”.

 

“Cremos que o Goberno municipal ten que atallar o problema para non ter que evitar un mal maior”, insisten. A ese respecto, solicítanse que dea cumprimento xa á iniciativa do Partido Popular e que rexeitou en decembro de 2016. “Era, unha proposta coherente e que ía encamiñada a evitar que Sarria tivese que ser noticia por este tipo de incidentes”, remarcan.