POBRA DO BROLLÓN, 5 de xullo de 2017.- O PP de Pobra de Brollón recoñece “estar realmente preocupado” pola decisión do alcalde de renunciar á brigada ao convenio que ofrece a Xunta de Galicia para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais, e que consiste no financiamento e dotación de brigadas ás entidades locais. E é que esta determinación implica que, o vindeiro ano, este Concello tampouco contará co servizo que o Goberno galego ofrece a través desta iniciativa aos municipios lucenses.
Concretamente, a administración autonómica ofrece dende 2016 aos concellos lucenses a posibilidade de asinar convenios de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Como novidade, dende esa data, estes acordos teñen carácter trianual o que permite ás entidades locais realizar unha mellor planificación das actividades preventivas contra os lumes. Así, o orzamento total para o 2016, 2017 e 2018 é superior aos 32,8 millóns de euros para toda Galicia co que se poderá chegar cada ano a unhas 17.596,34 hectáreas.
Estes acordos teñen por finalidade participar na defensa contra os incendios forestais mediante a actuación dos vehículos motobombas municipais; realización de tratamentos preventivos forestais en vías e camiños de titularidade municipal; e contratación do persoal que conformará as brigadas municipais. No caso de Pobra do Brollón, o alcalde declinou a subscrición do mesmo e, en consecuencia, renunciou a todos os servizos indicados que ofrece o convenio, é dicir, puntualizan dende o PP, “renunciou a todo”.
A este respecto, o voceiro popular deste municipio, Fernando Parada, recoñece que “estamos máis que sorprendidos. Non sumarse ao convenio supón que perdemos un servizo necesario neste época. O noso municipio xa se viu afectado polos incendios en anos pasados, de aí que todo o que se faga pola prevención sexa necesario”. Deste xeito, Fernando Parada indica que, “se algo temos claro é que temos un alcalde que nin está nin se lle espera. Temos que dicir que non sabemos moi ben a que está; dende logo, preocupado polos veciños e a súa seguridade, non”, insiste.
“Un insulto ás familias que están no paro”
Asemade, ademais desta “indefensión” na que o Goberno municipal “deixa aos veciños”, a non adhesión supón que “se está desperdiciando unha oportunidade única para crear emprego en Pobra do Brollón”, manifesta o popular. Concretamente, a entidade local rexeita con esta determinación a posibilidade de que se fagan as contratacións que leva aparelladas o convenio e que, na maioría dos casos, son cinco, correspondentes ao número de efectivos que conforman estas brigadas.
“O alcalde sabe que somos un dos Concellos coa poboación máis avellentada non só de Lugo, senón de Galicia, e que as oportunidades laborais aquí tampouco son demasiadas. Por este motivo, este abandono do alcalde non se entende. Mesmo se pode entender como un insulto a todas esas familias do municipio que, lamentablemente, teñen algún ou varios do seus membros no paro”, subliña con rotundidade.
E é que, ademais, indica o voceiro do PP, esta decisión non se entende tampouco dende o punto de vista da xestión dos fondos públicos, pois, de cumprirse ao 100% as características do convenio, este non lle supón practicamente ningún custo ás arcas municipais.
A Xunta, “a única administración que pensa nas persoas”
“A Xunta ofrece unha iniciativa que supón máis emprego, máis seguridade cidadá e máis protección dos nosos montes, e o alcalde di que non. Isto é un auténtico despropósito que ben merece a pena ser denunciado”, asegura o popular, quen, malia todo, agradece a colaboración do Goberno galego, xa que, con esta iniciativa, demostra “cal é a administración que pensa nos cidadáns e cal non”.
“Cremos que é de xustiza recoñecer o esforzo da Xunta de Galicia. Os veciños teñen que saber que foi o alcalde e o seu equipo os que, non sabemos moi ben por que motivos, decidiron rexeitar o convenio. Agardamos que este verán sexa tranquilo e que non teñamos que lamentar un mal maior, pero que un alcalde desaproveite un servizo tan esencial coma este é para botarse as mans á cabeza”, conclúe o popular.