Partido Popular de Lugo

Castroverde, outro Concello que renuncia á brigada da Xunta que prestaría un servizo clave na prevención e loita dos lumes e permitiría a creación de emprego neste municipio

CASTROVERDE, 5 de xullo de 2017.- Castroverde tamén renunciou ao convenio que ofrece a Xunta de Galicia para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais, e que consiste no financiamento e dotación de brigadas ás entidades locais. Deste xeito, o Goberno local, presidido por un alcalde socialista, ademais de rexeitar un servizo clave para atallar os posibles lumes que se produzan durante o verán, declina a posibilidade de que se creen ata 6 novas contratacións que pode levar aparelladas a sinatura do acordo que a administración autonómica puxo a disposición deste Concello.

 

Esta decisión, que os populares cualifican de “egoísta”, supón que o rexedor “desaproveita” unha oportunidade importante para garantir a seguridade dos cidadáns e, ao mesmo tempo, un servizo que completa outros existentes en materia de prevención e preservación dos espazos naturais cos que conta Castroverde. E é que este Concello atópase en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño, polo que “toda a protección que se faga neste eido para preservar a riqueza medioambiental e paixasística sempre é pouca”, destaca a voceira do PP neste municipio.

 

Por este motivo, e dadas estas peculiaridades que fan que este territorio precise unha maior cobertura, María Josefa Gómez Pallín, critica que o equipo de Goberno local “se desentenda así e mire para outro lado” ante unha iniciativa que a Xunta de Galicia puxo a disposición de Castroverde “voluntariamente, e sempre dentro do afán de colaboración e de cooperación municipal”. E é que, ademais, precisa a voceira do PP, de cumprirse ao 100% as características do convenio, este non lle supón practicamente ningún custo ás arcas municipais”. “É dicir, todo son beneficios. O acordo significa máis protección, máis emprego e un mellor servizo para os veciños pero, os socialistas, semella que non o ven ou non o queren ver”, denuncia.

 

O alcalde antepón os intereses persoais e de Partido aos dos veciños”

Asemade, Gómez Pallín tampouco quere deixar de mencionar “outro beneficio que non é menor”, que é que a adhesión a este iniciativa permite xerar emprego. Deste xeito, “rexeitar isto, é rexeitar que os veciños se poidan beneficiar dos empregos vinculados ás novas contratacións”. En concreto, son brigadas de entre 4 e 6 compoñentes, que traballarían durante os próximos tres meses.

 

“Cústanos crer que un alcalde poida reaccionar así, polo que todo apunta a que está antepoñendo os seus intereses persoais ou de Partido por riba dos dos cidadáns que confiaron nel para situalo onde está”, suxire a popular. Por este motivo, e dado que é “unha decisión inxustificable, e cando menos, desacertada”, pídelle ao responsable municipal “máis responsabilidade e rigor na xestión”.

 

María Josefa Gómez Pallín fai estas valoracións porque outro dos beneficios de que os Concellos se acollan a este convenio é que o servizo que prestan as brigadas é máis pegado ao territorio que, por exemplo, os GES. Estas están máis centradas no municipio e actúan en caso de extinción como unidade de primeira intervención. O acordo de colaboración permite tamén financiar, co apoio da Xunta, os custos de mantemento da motobomba e a realización de desbroces preventivos en terreos municipais o de propietario descoñecido.