RIBADEO, 1 de xullo de 2017.- O PP de Ribadeo asegura que o alcalde “minte descaradamente” na xustificación da renuncia da brigada contra incendios, pois tal e como se especifica no convenio de adhesión entre a Xunta de Galicia e os Concellos, se estes cumpren as condicións fixadas no documento, o Goberno galego financia practicamente ao 100% este servizo tan esencial para a prevención dos lumes e a seguridade da cidadanía.
Neste senso, os populares amósanse “cando menos sorprendidos” ante o que consideran “un despropósito” por parte do rexedor, pois “custa crer xa non só que falte á verdade, que é certo, senón que incorre nunha contradicción constante”. O voceiro, Jesús López Penabab, refírese así “á diferente vara de medir” do responsable municipal, xa que, por unha banda, cuestiona o cofinanciamento do 20% que debe facer para a contratación dos socorristas e, pola outra, está renunciando a un servizo que, se cumpre, non lle supón un custo para as arcas municipais e, á súa vez, está destinado á preservación, mantemento e protección da masa forestal e, en consecuencia, á garantir o seguridade dos veciños.
“Estamos claramente sorprendidos”, apunta o popular. A este respecto, recoméndalle ao alcalde que “debe ter altura de miras e deixarse de falsas xustificacións coas que pretende confundir aos ribadenses”. “El sabe que está mentindo. Por iso, pedímoslle que se deixe de falsas verdades ou incluso de dobres varas de medir. Isto é faltarlles ao respecto aos ribadenses. É un insulto á súa intelixencia. A realidade é que renunciou á un servizo clave, a sabendas de que xa estamos no período de alto risco de incendios”, afirma.
O alcalde renuncia que se cree emprego en Ribadeo
A este respecto, os populares sinalan que a decisión do rexedor “é grave”, xa que tamén está renunciando ás contratacións que leva aparelladas a adhesión a este convenio. “Se nos guiamos polas mesmas palabras do alcalde no referente á contratación dos socorristas, que lles explique aos ribadenses, os motivos polos que renuncia a que a Xunta cree 6 novos postos de traballo durante tres meses, cando neste Concello hai máis de 500 persoas en paro”, conclúe.