Partido Popular de Lugo

O alcalde de Monforte amosa unha “clara despreocupación pola seguridade dos veciños”, renunciando á brigada contra incendios que financia a Xunta de Galicia

MONFORTE, 1 de xullo de 2017.- O Concello de Monforte de Lemos vén de renunciar á brigada contra incendios que financia a Xunta de Galicia, logo de que o alcalde socialista deste municipio non solicitase adherirse ao convenio que ofrece o Goberno galego para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais, e que consiste no financiamento e dotación de efectivos ás entidades locais.

 

Neste senso, a voceira do Partido Popular, Julia Rodríguez, subliña que “o Sr. Tomé amosa unha clara despreocupación pola seguridade dos veciños rexeitando unha axuda e un servizo necesario porque en materia de prevención todo o que se faga é pouco”, afirma.

 

Deste xeito, a popular considera que “este desentendemento” é unha mostra máis de que “estamos gobernados por unha persoa que lle preocupa máis os intereses persoais e do seu Partido que o dos monfortinos, pois a ninguén se lle escapa que xa comezamos o mes de xullo e que estamos, por tanto, na tempada de alto risco”.

 

Tomé tamén se opón a que a Xunta cree emprego”

Por outra banda, a voceira do PP pon de relevo unha cuestión “non menos importante” que xurde como consecuencia da declinación do alcalde. E é que, coa non adhesión, “Tomé estase opoñendo a que a Xunta cree emprego en Monforte”. Julia Rodríguez chega a esta conclusión porque de asinarse o acordo impulsado pola administración autonómica, 6 monfortinos poderían traballar durante tres meses na brigada “que o Executivo de Feijóo puxo a disposición do Concello”.

 

“Aquí é onde se vei como xestionan uns e outros, e a vontade política duns e doutros”, afirma, pois, tal e como se pode comprobar con esta iniciativa, a Xunta dota ás entidades locais de instrumentos e servizos básicos e necesarios para os cidadáns “sen mirar a cor política, senón o interese xeral e, logo, outros Concellos, como o de Monforte, fan todo o contrario”. “Para o noso alcalde a seguridade, a cobertura territorial en materia de prevención ou que se cree emprego son cuestións que poden esperar. Agora xa vemos que é o que lle importa son e el e os seus intereses. A súa desfachatez non ten límites. Non hai máis que ver a súa actitude indiferente ante a reprobación. El cánsase de dicir que o PP nunca trae cousas para Monforte, pero, como se pode ver, non só minte, senón que as rexeita”, subliña.

Máis beneficios

Ademais, dos beneficios do convenio en materia de prevención dos lumes, seguridade cidadá e de creación de emprego, as brigadas da Xunta prestan un servizo más pegado ao territorio, ao estar centradas no municipio e actúan en caso de extinción como unidade de primeira intervención.