RIBADEO, 30 de xuño de 2017.- O Concello de Ribadeo tampouco solicitou adherise ao convenio que ofrece a Xunta de Galicia para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais, e que consiste no financiamento e dotación de brigadas ás entidades locais. Neste senso, os populares lamentan que o rexedor local rexeitase así “unha axuda e un servizo necesario” para previr a posible existencia de lumes e preservar a importante masa forestal coa que conta non só o municipio, senón toda a comarca.
O voceiro do PP neste municipio, Jesús López Penabad, denuncia “este desentendemento” do Goberno local, sobre todo, sabendo que o no mes de xullo dá inicio a tempada de alto risco. E é que, con esta decisión, “cando menos errónea”, de renunciar a un convenio –de duración trianual-, o rexedor tamén está “rexeitando” que os ribadenses se poidan beneficiar dos empregos vinculados ás novas contratacións, en concreto, brigadas de entre 4 e 6 compoñentes, que traballarían durante os próximos tres meses.
Renuncia á creación de emprego e a un servizo máis próximo
Pero é que, ademais, salientan, con esta determinación, o Executivo local “está impedindo” ademais da posibilidade de crear novos postos de traballo, a de preservar a superficie forestal existente no municipio. “Por todos é coñecido o importante peso que ten a madeira no PIB local e da Mariña en xeral. Por tanto, non entendemos como se pode non aceptar unha iniciativa que crea emprego e contribúe á protección dos montes”, subliña Penabad. E é que afirma o voceiro municipal, “custa crer que un alcalde pense que está todo feito neste senso, xa que en materia de prevención nunca se está cuberto de todo e nada sobra”, incide o voceiro municipal.
Outro dos beneficios de que os Concellos se acollan a este convenio é que o servizo que prestan as brigadas é máis pegado ao territorio, por exemplo, que os GES. Estas están máis centradas no municipio e actúan en caso de extinción como unidade de primeira intervención. O acordo de colaboración permite tamén financiar, co apoio da Xunta, os custos de mantemento da motobomba e a realización de desbroces preventivos en terreos municipais o de propietario descoñecido.
Contradición do alcalde
Por todo elo, os populares consideran que, “obxectivamente, todos son beneficios, polo que todo semella indicar que o alcalde prioriza os intereses persoais ou de Partido por riba dos dos seus veciños”. A este respecto, consideran que o alcalde tamén incorre “nunha clara contradición, pois por unha banda quéixase dos fondos concedidos para a contratación socorristas e, pola outra, renuncia aos aportados para este servizo”.