Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP afirma que a Xunta aumenta a súa achega ao Plan de Camiños en máis dun 100% con respecto ao ano anterior

Lugo, 27 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP defendeu hoxe que os fondos para o plan de camiños da Xunta se reparten con criterios totalmente obxectivos. “O real é que a Xunta, pese ao que din, aumenta a súa achega ao plan de camiños en máis dun 100% con respecto ao ano anterior. En 2016 foron 20 millóns de euros e a Xunta achegaba 3,5 millóns e o resto eran fondos europeos do FEADER. Este ano o plan está dotado con 16 millóns; 8 para 2017 e 8 para 2018, pero todos fondos propios, polo que pasa de 3,5 a 8 millóns en 2017 e outros 8 millóns en 2018. “Eses fondos europeos que ían rematar destináronse ás concentracións parcelarias en marcha, un asunto importante”, indicou o deputado Demetrio Salgueiro.

 

Desde o PP defenden que a Consellería do Medio Rural fai un esforzo sen precedentes para fornecer este plan de mellora de camiños con fondos propios, tendo en conta que xa non existe financiamento europeo, como había ata agora.

 

Salgueiro lamentou “esta clase de moralidade coa que a algún lle debería caer a cara de vergoña porque o PSOE e o BNG gobernaron os últimos anos e non temos coñecemento de que se teñan usado criterios máis inxustos que os que se fixeron aquí en reparto dos fondos”. “Sufrímolo moitos alcaldes e o plan único que se está explicando ten que ver coa situación que se vive aquí e senón estaríamos como antes, repartindo fondos como antes”, expuxo.

 

“Cando vin a baixada de fondos vinme contrariado porque había unha diminución e por iso acudín á reunión que a Xunta organizou e todos os alcaldes deberan facer o mesmo porque era o foro de debate para expor as críticas en público, pero usárono politicamente tanto o PSOE como o BNG e os seus alcaldes foron facer unha manifestación en lugar de queixarse onde corresponde. Penso que foi un erro non falar onde hai que falar”, explicou.

 

“Alí deuse de conta de onde veñen os fondos e que o criterio de reparto está feito e consensuado coa FEGAMP, non sei se os emendan a eles tamén, porque foi por un acordo unánime”, indicou.

 

Traizoados polo subconsciente

Antes de 2016 o plan foi plurianual e agradecemos á Xunta o esforzo e que dote esa contía adicional para o plan. Hai unha modificación ademais con respecto ao ano anterior, que se pode solicitar un anticipo para poder executar a anualidade correspondente. “Non saben ben de que falan ou non o fan con rigor porque os fondos da Xunta vemos que se incrementan. Os fondos repártense dun xeito totalmente regulado e nese sentido víronse traizoados polo subconsciente pola súa forma de reparto nos últimos anos nesta Deputación”, dixo.

 

“Se tanto lles preocupan os camiños e acceso preocúpense dos propios da Deputación porque a demanda principal dos veciños son as estradas provinciais, que son os viais principais de acceso aos núcleos de poboación e están nun estado máis que lamentable, parecen corredoiras”. “Polo meu Concello para unha das vías con máis tráfico e vemos como se arranxan outras de menor densidade mentres estas están abandonadas, pese ao tráfico que soportan. Recapaciten e melloren a rede viaria provincia, que o necesita”.

 

O deputado pediulle a PSOE e BNG que aclaren de onde a Xunta ten que atender para cubrir ese aumento de fondos que di, de onde quere quitar, de educación, sanidade, dependencia, ao mesmo tempo teño que dicir que presentan unha moción irresponsable porque desacreditan ao presidente da FEGAMP, que é o do seu partido e acordou coa Xunta os criterios de reparto dos fondos.

 

“Non lles preocupan os camiños nin os concellos, só quen chega antes a esa meta que é a carreira pola esquerda porque presentan unha moción e logo outra cando antes xa a presentara En Marea no Parlamento. É un tema político e unha liorta continua entre vostedes”, engadiu.