Lugo, 27 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP a través do seu vicevoceiro, Carlos Armesto, precisou hoxe no transcurso do debate da moción do PSOE sobre o Plan de Transporte Público de Galicia que a Xunta continúa a ofrecer diálogo para sacar adiante, coas melloras que sexan necesarias, un plan que constitúe a día de hoxe a única alternativa viable e legal para garantir servizos e os empregos a partir do mes de agosto.
O Grupo Popular votou en contra da iniciativa socialista tras aceptar dende o PSOE unha emenda do BNG que implicaba a paralización da primeira fase do plan, o que Armesto tachou dunha “grande irresponsabilidade. O que está pedindo o BNG coa súa proposta implica deixar a 1,7 millóns de galegos sen servizo de transporte público por estrada e deixar no aire o emprego de preto de 5.000 familias que traballan no sector”.
Os populares defenden que “diálogo si, pero xogar coas postos de traballo e co servizo no”, ademais Armesto censurou que a dobre vara de medir do PSOE, que no Parlamento rexeitou a proposta do BNG e na Deputación aceptan a emenda na mesma liña.
Un plan con vantaxes para Lugo
Durante a súa intervención, Armesto subliñou que o Plan de transporte da Xunta de Galicia ten como “único obxectivo” garantir os servizos aos cidadáns e os postos de traballo no sector do transporte, despois da decisión de parte das empresas de non seguir prestando máis de 500 liñas de autobús a partir do vindeiro mes de agosto.
En concreto, o popular precisou que con este plan “garantiranse os empregos a través da subrogación dos traballadores, ademais de que o plan suma máis quilómetros e horas de condución que os actuais servizos” e, a maiores, engadiu que “a integración de parte das liñas de transporte escolar vai permitir incrementar o número de acompañantes, co consecuente aumento de emprego”. Neste senso, resumiu tamén que o novo plan de transporte de Galicia incrementará a calidade do servizo e ofrecerá unha mellor cobertura territorial, sobre todo no rural. Ademais, de non ser certo, precisou, que as pequenas empresas quedarán fora do proceso, xa que poderán concursar en igualdade de condicións.
Dun xeito máis concreto, os populares deron datos das vantaxes do novo plan para Lugo. O vicevoceiro referiu cifras como que na provincia, duplicarase o número de paradas nos concellos (das 318 existentes hoxe pasarán a 801) e os autobuses case triplicarán os quilómetros de percorrido (dos 500.000 quilómetros pasarán a 1.200.000). Ademais, os populares aseguran que “estase ante un servizo máis próximo, xa que máis de 100.000 lucenses terán unha parada de autobús a menos de 500 metros do seu fogar ao tempo que disporán dun servizo máis económico”.
Traballo exhaustivo e amplamente dialogado
Armesto defendeu que o Goberno galego fixo e está a facer un traballo exhaustivo, con rigor técnico, amplamente dialogado e participado, para blindar o servizo público de transporte e para dar estabilidade ás familias que traballan no sector. Explicou que “nesta primeira fase do Plan realizouse unha análise da realidade do transporte público en cada municipio, mantivéronse reunións cos distintos colectivos implicados, tivéronse especialmente en conta os concellos, con xuntanzas específicas e coa remisión de enquisas; consultouse aos usuarios, con enquisas á pé da rúa; houbo reunións con federacións de transportes, con sindicatos, cos principais colectivos de ANPAS… E, por suposto, o compromiso da Xunta é continuar con estas consultas e con esta participación”.
Polo tanto, o deputado popular lamentou que o PSOE o BNG perdesen a oportunidade de traballar en consenso para que Galicia realice a transformación do transporte público pendente dende hai anos e de garantir a mobilidade no rural.