Partido Popular de Lugo

O alcalde da Pontenova renuncia a contar coa brigada contra incendios que financia a Xunta a sabendas de que é un servizo necesario nun concello con gran peso forestal

A PONTENOVA, 27 de xuño de 2017.- O Concello de A Pontenova, liderado por un alcalde socialista, non solicitou adherise ao convenio que ofrece a Xunta para colaborar na prevención e loita contra os incendios forestais. Non o fixo a sabendas de que se trata dun servizo necesario nun municipio cunha importante masa forestal. Así o denuncia o Partido Popular local, quen considera “un grave erro” o proceder do alcalde que, xa o ano pasado, renunciaba a este convenio –de duración trianual- e que nesta ocasión parece non ter intención de rectificar, a pesares de que o vindeiro mes dá inicio a tempada de alto risco de incendios.

 

A decisión do rexedor implica tamén que os veciños perden a posibilidade de beneficiarse dos empregos vinculados ás novas contratacións, en concreto, brigadas de entre 4 e 6 compoñentes, que traballarían durante os próximos tres meses. O convenio de colaboración permite tamén financiar, co apoio da administración autonómica, os custos de mantemento da motobomba e a realización de desbroces preventivos en terreos municipais o de propietario descoñecido.

 

A renuncia do rexedor baséase en que estes traballos están cubertos polo Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES). Pero este mesmo argumento “non convence a ninguén” xa que, tal e como subliñan os populares, outros concellos como é o caso de Cervo, que tamén son sede de GES, sen embargo, si que solicitaron estas brigadas, “pois permiten crear novos postos de traballo e manter en perfecto estado a masa forestal local”.

 

Ademais, o GES non só opera en A Pontenova. Estes Grupos teñen un ámbito de influencia maior, mentres que as brigadas só están centradas no municipio e actúan en caso de extinción como unidade de primeira intervención; “de aí que esta renuncia estea máis inxustificada se cabe”, indican.

 

En definitiva, o responsable do Goberno local, tal e como se puxo de relevo nunha reunión que mantivo o grupo municipal co delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, “está a desaproveitar un servizo necesario e que nunca sobra”, pois, ademais, subliñan dende o grupo municipal do PP, “hai que ter en conta que estamos a ter un verán máis caluroso do habitual, polo que o risco de máis lumes aumenta. Así é como defende o Sr. Darío Campos os intereses dos veciños”, critican.

 

Un alcalde máis preocupado polas liortas do Partido que de A Pontenova

Deste xeito, os populares non entenden o proceder do Goberno local deste municipio, que ata o período 2016, si que se acolleu a este convenio. “Cremos que os veciños necesitan unha explicación dos motivos polos que o alcalde renuncia a este servizo tan elemental e necesario. Realmente, o Sr. Campos estanos a demostrar que está máis preocupado polas liortas do seu Partido ou pola Deputación que polos intereses dos seus veciños, que foron os que lles deron o seu apoio para ocupar a alcaldía”. A este respecto, pídenlle “un exercicio de responsabilidade e que non deixe abandonados así aos seus cidadáns”, conclúen.

 

Convenios que dan seguridade á cidadanía

A Xunta ofrece aos concellos lucenses a posibilidade de asinar convenios de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Como novidade, dende o ano 2016, teñen carácter trianual o que permite ás entidades locais realizar unha mellor planificación das actividades preventivas contra os lumes. Así, o orzamento total para o 2016, 2017 e 2018 é superior aos 32,8 millóns de euros para toda Galicia co que se poderá chegar cada ano a unhas 17.596,34 hectáreas.

 

A todo o anterior hai que sumar as brigadas fixas-discontinuas coas que conta a consellería de Medio Rural, así como, nesta área, tamén se conta coa colaboración do GES. Neste senso, estes acordos teñen por finalidade participar na defensa contra os incendios forestais mediante a actuación dos vehículos motobombas municipais; realización de tratamentos preventivos forestais en vías e camiños de titularidade municipal; e contratación do persoal que conformará as brigadas municipais (na maioría dos casos son de cinco compoñentes).

 

Cada concello pode subscribir voluntariamente unha, dúas ou todas as actuacións. Deste xeito, as brigadas municipais teñen como principal obxectivo a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido. Tamén realizan traballos de vixilancia e extinción baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.

 

Trátase, por tanto, dunha medida ou iniciativa do Goberno galego que asegura a cobertura territorial do distrito dende o punto de vista da prevención e extinción de incendios forestais