Partido Popular de Lugo

A Montaña de Lugo percibirá preto de 2 millóns de euros para investimentos locais, emprego e servizos sociais grazas á xestión do PP

BALEIRA,18 de xuño de 2017.-A presidenta provincial do PP, Elena Candia, acompañada doutros cargos orgánicos, como o secretario xeral, Carlos Armesto, trasladou este domingo aos alcaldes e voceiros desta formación política da Montaña que os concellos que integran esta comarca percibirán preto de 2 millóns de euros dentro do Plan Único da Deputación, grazas á xestión do Grupo provincial do Partido Popular, e que están dirixidos a investimentos locais, emprego e servizos sociais.

 

Deste xeito, considera necesario trasladar aos cidadáns que, por primeira vez, se puido poñer en marcha un Plan “sen discriminación”, e que xurde “da situación obrigada na que se viu o PSOE de escoitar o noso plantexamento, debido á minoría na que se atopa”, destacou.

 

Na reunión de hoxe participaron os representantes dos municipios desta zona, e que son Baleira, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, A Fonsagrada, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Pedrafita, As Nogais e Ribeira de Piquín. Por esta orde, as cantidades que lles corresponden son: 137.207 euros, 109.677 euros, 196.560 euros, 223.298 euros, 197.112 euros, 216.846 euros, 219.258 euros, 177.215 euros, 120.733 euros, 152.049 euros e 136.200 euros.

 

Logramos que saian beneficiados todos os veciños”

A este respecto, indicou Elena Candia, “non só se aumentará o investimento en obra pública e se favorecerá e manterá o servizo de axuda a domicilio, así como o patrimonio turístico e cultural, senón que conseguimos que unha administración, gobernada polo Partido Socialista, xestione sen discriminación”. Neste senso, defende que “garantimos así, que saian beneficiados os cidadáns de todos os concellos, xa que, do contrario, moitos dos que estades hoxe aquí representados, nunha situación de maioría absoluta na Deputación, neste plan quedariades excluídos ou a vosa aportación sería moi inferior. Non hai máis que ver como se repartían o fondos e o orzamento nos anos anteriores, nos que o PSOE e o BNG facían e desfacían ao seu antollo, e distribuían a tarta só para os seus”, remarcou.

Por tanto, a postura do Partido Popular foi claramente determinante para que este Plan fose aprobado por unanimidade. “Non me cabe a menor dúbida de que tamén así o interpretarán os veciños da provincia. Fomos responsables e coherentes, pedindo que se nos escoitase. O único que pretendemos é defender os intereses dos lucenses e, neste caso concreto, os cidadáns da Montaña”, destacou.

 

As obras que se executarán nos vindeiros meses ao abeiro desta iniciativa beneficiarán aos máis de 17.400 veciños destes 11 municipios.