XERMADE, 16 de xuño de 2017.- O enxeñeiro agrícola Antonio Riveira Requeijo vén de proclamarse novo presidente do PP de Xermade, logo de recabar o apoio dos afiliados que a formación política ten neste municipio da Terra Chá. Deste xeito, Riveira encabeza a candidatura que está integrada por outras nove persoas. Son as seguintes: Isabel Campello Ares, Mario Félix García Prieto, José Luis Otero Paz, Tomás Rodríguez Arias, Alberto Pena Criado, José Antonio González Alvariño, Andrés Ares Ameijide, Laureano de Bernardo Paz e Marta Rodríguez Criado.
O novo presidente substitúe así a Tomás Rodríguez Arias, que tamén foi alcalde do municipio dende 2003 ata 2015. Igual que no caso de Ourol, esta foi a única proposta que se presentou ao congreso celebrado este venres en Momán, e que estivo presidido pola presidenta provincial e o secretario xeral, Elena Candia e Carlos Armesto, respectivamente. Con Riveira ábrese así unha nova etapa no PP xermadino, cuxo principal obxectivo, tal e como subliñou o elixido, é “crear un proxecto que nos permita desbancar ao Partido Socialista da alcaldía”.
Neste senso, “colle o testigo” do seu predecesor. Non será, por tanto, un proxecto rupturista, senón que dará continuidade ao traballo desenvolvido durante tantos anos polo ex alcalde. “De Tomás recollo a súa experiencia e a súa boa xestión”, indicou, e agarda “estar á altura e de cumprir” con todos os afiliados e simpatizantes que o animaron a dar este paso. “Dende logo, teño claro que traballarei a reo para non defradarvos e defraudalos. Foron moitas as peticións que me fixéstedes chegar; o que supón unha satisfacción para min, pero que tamén poñen de relevo que hai un descontento xeralizado co actual equipo de goberno”, afirmou.
Persa moi coñecida
O novo presidente é unha persoa moi coñecida en Xermade e no contorno, debido tanto á súa profesión que exerce nesta localidade, como pola súa traxectoria de estudoso da cultura do municipio. Tal é así que Riveira conta con algunha publicación sobre a materia. Dispón, por tanto, “dun perfil idóneo para encabezar o PP”, segundo destacou Elena Candia, quen lle amosou ao elixido “todo o apoio da dirección provincial para camiñar xuntos na procura de ofrecer en dous anos aos veciños un goberno do Partido Popular”.
Pola súa banda, Carlos Armesto, ratificou as palabras da máxima dirixente do PP na provincia, destacando que “temos que ser a alternativa”. “Hai que traballar duro e moito. Os veciños de Xermade así nolo esixen e non lles podemos fallar”, remarcou.
Renovación en Cervbo
Ademais do de Xermade, e enmarcados no compromiso do PP de Lugo de seguir reforzando o Partido por toda a provincia, no mes de xullo a dirección provincial proseguirá cos congresos locais. O próximo será o día 2 dese mes, en Cervo, ás 11:00 horas, na sede do PP de San Ciprián. Esta mesma semana, a formación tamén renovou o órgano de dirección de Ourol e, recentemente, os de Cervantes, A Pastoriza e Lugo, que desempeñan Carlos Ríos, Javier Santín, Luis Cabado e Ramón Carballo, respectivamente.