Partido Popular de Lugo

Carballo: “seguimos dando pasos no deseño dun proxecto gañador, pensando única e exclusivamente na defensa dos lucenses e no traballo en equipo”

LUGO, 13 de xuño de 2017.- O presidente da Xunta Directiva Local, Ramón Carballo, logo da reunión que mantivo este martes co Comité Executivo, e na que se acordou o nomeamento de Antonio Ameijide como voceiro do grupo municipal e de Enrique Rozas e de Ana López Pombo como vicevoceiros, subliña que “seguimos dando pasos na configuración dun proxecto gañador, basado no traballo en equipo e nunha estrutura forte de cara ás municipais, e pensado única e exclusivamente na defensa dos lucenses”, afirma.

 

Deste xeito, tal e como indica o dirixente popular, este proceso “forma parte da normalidade, e que tiñamos que dar unha vez que o ex voceiro, Jaime Castiñeira, anunciou o seu desexo de renunciar tamén á súa acta como edil”. A este respecto, Carballo destaca a decisión do seu predecesor no cargo, “a cal me merece o máis absoluto respecto”, pois, “ademais, foi, engade, un colaborador moi importante no Congreso, no que os afiliados amosaron un interese pola vida do Partido. Por iso, creo que este agradecemento ten que ser visible”; agradecemento, remarca, “que tamén quero facer estensivo ao seu traballo durante tanto tempo á fronte do grupo”.

 

Organigrama “engrasado”

No marco do que supón un paso máis no que é a nova reestruturación municipal, Carballo subliña que “o que queda por diante é rematar un organigrama perfectamente engrasado”, que se irá completando nos vindeiros días, e que se irá facendo público segundo a dirección vaia avanzando no seu deseño.

 

“O que toca agora é poñer a funcionar a estrutura da nova da organización de cara a facer tamén unha oposición construtiva ao goberno local e pensando ademais nas próximas eleccións municipais, donde o PP ten que estar preparado para darlle a esta cidade un goberno estable que xestione e dea resposta ás necesidades dos lucenses”. Neste senso, e convencido de que “non imos a dar ningún paso antes de que corresponda, o que tocaba hoxe son os nomeamentos do voceiro e do vicevoceiro”, precisa.

 

Dedicacións e áreas

Ademais de cara á configuración do novo equipo, adianta que haberá tres dedicacións exclusivas que recaerán en Antonio Ameijide, Enrique Rozas e Manuel López. Asemade, proximamente, o máximo dirixente da organización local dará a coñecer como queda tamén o reparto das áreas de xestión.

 

Será, por tanto, indica, “un equipo, no que como xa dixen varias veces, todos sumaremos para que o PP medre nesta cidade e neste concello”. Deste xeito, e dentro desta “colaboración constante”, subliña que “todas as decisións que adoptamos son froito do consenso coas directivas provincial e rexional, pois así o entendo”. “Todos camiñamos da mesma man”, conclúe.

 

Descargar audio