Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP denuncia o deterioro que sufre o edificio da UNED antes incluso de chegar a inaugurarse

Lugo, 10 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP denuncia o deterioro que sufre o edificio do Hotel Miño, que segue a ser restaurado de forma permanente desde hai dez anos para albergar as instalacións da UNED. Os populares critican a imaxe de abandono que ofrece o inmoble na súa parte externa “cando nin tan sequera chegou a ser inaugurado” e, polo tanto, a día de hoxe non presta o servizo educativo para cuxa finalidade foi obxecto de actuacións.

 

En concreto, dende o PP explican que o material que recobre a fachada do edificio “está moi danado e mesmo levantado”. A imaxe actual que proxecta esta edificación presenta signos claros da pouca calidade dos traballos realizados na súa restauración, pese a que se destinaron preto de dous millóns de euros públicos a acondicionar o Hotel do Miño como centro asociado da UNED.

 

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular consideran “inadmisible” o aspecto que presenta un inmoble cuxas obras de restauración seguen en marcha “cando nin tan sequera foron abertas as súas portas ao público”. Para os populares “estamos de novo ante un claro exemplo da falta de xestión do Goberno socialista, que se limita a dilapidar o diñeiro de todos os lucenses, sen actuar coa dilixencia necesaria para rendabilizar os fondos públicos e prestar o servizo necesario”.

 

Contratacións recentes

É dicir, “non só non poñen en valor nin se conservan as obras acometidas previamente, senón que seguen a dirixir máis fondos a esta actuación, mentres o edificio se deteriora”. Neste eido, os populares refiren á contratación da obra de acondicionamento da parcela da edificación da UNED, cuxa adxudicación se aprobou en Xunta de Goberno de agosto de 2016, por un importe superior aos 200.000 euros. “Seguen a gastar o diñeiro dos lucenses, sen dar un servizo á cidadanía”, lamentan.

 

Os populares reiteran que “estamos ante un Goberno que suspende en xestión, que anunciou grandes proxectos que hoxe en día se deterioran sen prestar o servizo para o que foron construídos. Ao edificio da UNED súmanselle, entre outros exemplos, as piscinas de A Pastoriza ou Monterroso ou as residencias de maiores, entre outras”.

 

Dez anos despois só temos un centro pechado que se deteriora

Os populares critican que, transcurridos preto de dez anos dende que o anterior presidente da Deputación asinara o convenio regulador da creación dun centro asociado en Lugo, este proxecto no sexa una realidade e o Hotel Miño non chegue a prestar este servizo educativo.

 

En concreto, dende o Grupo Popular lembran que se está a falar dunha obra cuxa adxudicación data de outubro de 2011 por máis dun millón de euros, aprobándose novas obras en decembro de 2013, por máis de 500.000 euros. “Lembramos titulares de que Lugo xa contaría con centro de referencia da UNED no curso 2014-2015, cando, por exemplo, non foi ata xuño do ano pasado cando a Xunta de Goberno aproba o proxecto e inicia a contratación do aparcadoiro e zonas axardinadas na nova sede da UNED”.

 

Por último, dende o Grupo do PP lembran que se está ante unha obra cuxo expediente deixa entrever importantes dúbidas, como a existencia dunha dilixencia da Xefa de Unidade de Rexistro, na cal se manifesta que os sobres do adxudicatario foron abertos e pechados con fixo; ademais de apreciarse adxudicacións fóra de prazo, retrasos nas obras e desfases orzamentarios que demostraron, para os populares, “unha falta de previsión absoluta”.