BURELA, a 9 de xuño de 2017.- O Grupo Municipal Popular reitera que “o alcalde carece de seriedade, non lle gusta o traballo, e a marxe de credibilidade que ten xa é mínima”. Os edís populares afirman que “despois de comprobar que non hai ningún plan de tráfico e tampouco trazas de que o haxa, agora tamén descubrimos que tampouco hai absolutamente nada sobre o tan cacareado regulamento do mercado, que o alcalde dixo que se estaba redactando de cara a cambiar a súa ubicación”, destacan.
“No concello non hai ningunha documentación oficial sobre ese regulamento anunciado polo alcalde, aseguran os populares, como se desprende da resposta á solicitude de documentación que formulamos o pasado día 2 deste mes; por non haber, non hai nin tan siquera un borrador”, insisten.
Desde o GMP afirman que “é o propio alcalde quen asina o decreto correspondente de resposta dirixido ao noso grupo político e, polo tanto, é o propio alcalde quen está recoñecendo que todo o que dixo era mentira”. Neste senso, lembran que “se repasamos as hemerotecas, xa a finais de setembro de 2016, o alcalde fala do tal regulamento; nove meses despois, nada de nada; ese é o resultado de quen di que fai pero non fai”.
“Un auténtico caos”
Os membros do GMP consideran que “cambiar o mercado para as dúas prazas, cortar parte de Pardo Bazán, co Centro de Saúde xusto ao carón, pode ser un auténtico caos e por suposto non resolvería ningún problema, máis ben todo contrario. Esa idea é absolutamente delirante, polo tanto non sabemos cales son os intereses reais que según o alcalde poderían xenerar beneficios”, indican.
Asemade, destacan “o inoperante papel do primeiro tenente alcalde”, que é o encargado da área de comercio. “Fernández Rey é tan pouco serio como o rexedor, porque se o fose xa tería corrixido esta situación. Se en vez de andar dicindo por todos os sitios por onde vai que el é ‘o alcalde de facto’ se adicara a traballar de verdade con novos e rigurosos proxectos futuros para Burela, mellor nos iría a todos”, apuntan.
Explicacións necesarias
Os populares esperan que “como eles mesmos liaron este asunto, tanto o alcalde coma o tenente alcalde se expliquen, que digan cándo van ter preparado o regulamento, que se vai facer co mercado e que alternativas se ofertarán á xente afectada en caso de cambio de ubicación. Iso é o que quere saber a cidadanía. E que non boten balóns fóra nin culpen a terceiros, porque os que gobernan son eles”, conclúen.