Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP amosa a súa sorpresa porque unha das persoas relacionadas co proceso xudicial do KM0 consiga unha praza na Deputación de Lugo

Lugo, 8 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP amosa a súa sorpresa porque unha das persoas relacionadas co proceso xudicial do KM0 consiga unha praza na Deputación de Lugo, en concreto a aspirante vén de superar o proceso para a selección dun técnico en turismo, escala administración especial, subescala servizos especiais, Grupo A, subgrupo A1, que prestará servizos como funcionario interino.

 

Un proceso de selección en cuxa lista provisional foron admitidas 8 persoas e excluídas 24 e á cal presentaron alegacións 5 interesados, desestimadas polo Goberno provincial.

 

Desde o PP precisan que a persoa que vén de facerse coa praza é, tal e como ela mesmo declarou en sede xudicial en agosto de 2013, a parella sentimental, dun dos principais investigados na Operación Pulpo, en concreto, o que lle dá nome á mesma. Os populares trasladan as súas sospeitas porque a selección do persoal na administración provincial poida non ser a adecuada ou estar viciada, tendo en conta que o ex presidente socialista, José Ramón Gómez Besteiro, se viu salpicado por este proceso polo que está a ser investigado.

 

As sospeitas do PP son maiores logo de coñecer unha sentenza do TSXG que obriga á Deputación de Lugo a repetir o proceso para dotar á Deputación dun técnico en Medio Ambiente.

 

Un caso no que se investiga a Gómez Besteiro

A xuíza que instrúe o caso, Pilar de Lara, atribúelle a Gómez Besteiro a autoría dos presuntos delitos de cohecho, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións Públicas, fraude de subvenciones e un delito continuado de malversación de caudais públicos. Así, entre a lista dos citados a declarar en calidade de investigados atópanse outros cargos ou excargos da Deputación de Lugo, como o xefe do servizo de protocolo, a directora de comunicación ou o asesor de fondos europeos de Presidencia.

 

Os feitos aluden a presuntas irregularidades relacionadas coa xestión do programa denominado KM0, que foron denunciados por unhas traballadoras de programa, que tamén interpuxeron denuncia por acoso contra o xefe do servizo de Protocolo.