Lugo, 7 de xuño de 2017.- O Grupo Provincial do PP lamenta que a Xustiza, concretamente o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), confirme a nefasta xestión de Darío Campos, presidente da Deputación de Lugo, tamén en materia de aprovisionamento de postos públicos.
Así, o TSXG vén de obrigar ao Goberno provincial a repetir un proceso selectivo, concretamente a praza de Técnico/a de Xestión Medio Ambiental (Grupo a / Subgrupo A2), o que supón un revés xudicial para a política de persoal do Goberno socialista. A voceira do PP, Elena Candia, censura a forma de actuar do presidente que se ve abocado a repetir un proceso xa rematado no ano 2015 e cuxo persoal xa fora contratado. E agora, de novo, vén de abrir o prazo, que remata o vindeiro día 12.
Elena Candia censura a inseguridade que a institución provincial traslada “con este tipo de actuacións irresponsables” a todos aqueles interesados en participar en procesos selectivos, así como aos que decidiron formar parte dos mesmos.
Sentenza do TSXG
O Goberno provincial viuse obrigado a modificar as bases específicas en execución dunha sentenza que estima o recurso presentado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia contra as bases publicadas para prover mediante funcionario interino a praza de Técnico/a de Xestión Medio Ambiental (Grupo a / Subgrupo A2), ao entender que as bases específicas exclúen a participación na convocatoria dos Graduados en Enxeñería Forestal e do Medio Natural.
O fallo da Sentenza inicial do Contencioso nº2 de Lugo sinala literalmente: “En consecuencia, condénase á Deputación de Lugo a incluír no dito punto 5 das bases específicas, o título de enxeñería forestal na súa actual denominación de enxeñería técnica forestal e do medio natural, coa necesaria retroacción das actuacións do proceso selectivo no que se refire á provisión deste só posto”.
Finalmente, e tras as apelacións, o fallo do TSXG determinou: “Desestimar o recurso de apelación interposto pola persoa seleccionada e a Deputación Provincial de Lugo e confirmar a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo de data 15 de decembro de 2015.”
A Xunta de Goberno 19/05/17 en execución da devandita senteza acordou aprobar a modificación introducida nas Bases Específicas, aprobadas mediante acordo Xunta de Goberno de data 23/01/2015, por execución da sentenza ditada polo o Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Lugo de data 15/12/2015 e convocar de novo o proceso selectivo.
Praza de Técnico de Turismo
O mesmo exemplo podería darse tras a convocatoria e o proceso de selección xa rematado dun Funcionario Interino Técnico de Turismo adscrito á Área de Promoción do Territorio e Turismo, aprobada pola Xunta de Goberno con data de dous de decembro de 2016. Trátase dun proceso que tamén contou con alegacións interpostas contra o listado provisional de admitidos e excluídos no que só figuraban 8 seleccionados, fronte a 28 excluídos. Cinco dos interesados presentaron alegacións contra a lista provisional, que foron desestimadas.