BURELA, 7 de xuño de 2017.- “O alcalde di moi poucas verdades. É pouco serio e por riba pouco traballador”. Esta é a conclusión que o Grupo Municipal Popular (GMP) burelés saca, logo de ver que “no Concello non hai absolutamente nada sobre o plan de tráfico que o alcalde anunciou varias veces”.
Os populares indican que “o pasado venres día 2 foinos contestada unha petición de documentación que tiñamos formulada regulamentariamente para poder ter acceso ou copia da documentación existente relativa á elaboración dun plan de tráfico. A resposta é concluínte, oficialmente, non hai nada de nada, ningunha documentación, nin elaborada por empresa externa, nin por persoal municipal”, subraian.
Desde o GMP lembran que “o alcalde dixo hai un ano que cando se abrise o acceso ao porto habería que ver de reformular o tráfico en Burela; cando efectivamente se abriu o acceso, volveu a insistir sobre o asunto, chegando a dicir que xa se estaba traballando nese pretendido plan de tráfico, algo que volveu a reiterar ás poucas semanas. E agora resulta que non hai nada de nada”.
“A ética do alcalde”
Os edís populares afirman que “así sabemos como é a ética do alcalde, o seu código de conduta e comportamento. Este home só fai lanzar globos sonda, para ver como respira a xente, pero facer, o que é facer, non fai nada. E o peor xa non é que non faga nada, o peor é que di que fai cando non fai, e esa actitude defínese con un verbo e con un calificativo”, destacan.
Neste senso, indican que “nós tíñamos moitas dúbidas sobre a existencia real de documentación ao respecto, xa que afirmamos que non houbera reunións con ninguén sobre este asunto e non se nos rebateu. Mesmo no pleno do pasado 30 lle pedimos que suspendese un momento a sesión para subir ao seu despacho a recoller a documentación e así poder ensinarlla a todos os asistentes, pero deu a calada por resposta”.
“Xa veremos con que nos sae”
Os populares dubidan de que o alcalde poida dar explicacións convincentes: “xa veremos con que nos sae. Aínda que tamén o concelleiro de Tráfico, Fernández Rey, debería dar explicacións sobre este asunto, porque a súa xestión estase limitando a gastar as subvencións que lle conceden, pero iniciativa propia, cero patatero”.