LUGO, 1 de xuño de 2017.-O Partido Popular comeza a relación de congresos polas distintas agrupacións da provincia. Así o deu a coñecer este xoves, no transcurso da reunión da Xunta Directiva Provincial, a presidenta Elena Candia, e que contou coa asistencia e participación do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. O obxectivo, explicou a dirixente popular, é “crear proxectos gañadores para que o PP medre nas municipais”.
Concretamente, os primeiros que se levarán a cabo serán os de Ourol e Xermade. Estes celebraranse os días 14 e 16 de xuño, no Hotel Val do Naseiro, ás 20:30 horas e restaurante Tino de Momán, ás 21:00 horas, respectivamente. En ambos os dous concellos, e ao igual que aconteceu co de Lugo, somentes existe un único candidato. No caso do municipio mariñano, Carlos Rios López será o novo presidente da agrupación. Trátase dun autónomo de 46 anos,moi coñecido na zona, e que conta cun amplo coñecemento do Partido, pois leva máis de dúas décadas afiliado, pero tamén atesoura gran experiencia política, xa que foi concelleiro ata que se produciu o cambio de goberno.
No caso de Xermade, a persoa que o dirixirá a formación política será o enxeñeiro agrónomo Antonio Riveira Requeijo. Igual que no caso anterior, é unha persoa moi recoñecida no municipio e no contorno, debido á súa profesión que exerce nesta localidade, así como pola traxectoria como estudoso da cultura do municipio, contando así con algunha publicación sobre a materia.
“Exemplo de entendemento”
Por tanto, tal e como engadiu a presidenta, “continuamos no camiño de seguir reforzando o Partido por toda a provincia. Ademais destes congresos, xa temos planificados máis”, remarcou. Neste senso, suliñou: “somos un Partido activo, cuxa misión principal é traballar para recuperar alcaldías e consolidar as existentes. Creo, e así o quero manifestar a todos vós, que tal e como vimos de comprobar o pasado venres no de Lugo, somos un exemplo de entendemento”; cuestión ben diferente, engadiu, “do que acontece noutros Partidos e outras institucións, como é a Deputación de Lugo e, máis concretamente, o surrealismo vivido en SUPLUSA este martes”.
Elena Candia deu conta deste xeito ao asistentes “do esperpento vivido esta semana”, así como de cal foi a xestión realizada polo seu Grupo. “Nós non somos os que enredamos, os que enredan e nin son capaces de entenderse son os socialistas. Nin o fan no Partido, nin donde teñen responsabilidades de Goberno”. Con todo, afirmou, “seguiremos traballando para poñer algo de cordura nesa Casa”.
Boa participación
Na xuntanza, presidida por Elena Candia, participaron, ademais do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde;os integrantes da Xunta Directiva Provincial; alcaldes; voceiros e deputados provinciais e autonómicos: o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo;vicepresidente tamén deste órgano directivo; ou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.