Partido Popular de Lugo

PP de Burela: “temos un alcalde que non respecta nin aos veciños nin os proxectos que el mesmo vota”

Burela, 31 de maio de 2017.- O Grupo Municipal Popular (GMP) do concello de Burela afirma que, logo do pleno de onte, “queda constatado que o alcalde nin respecta os proxectos de obra que el mesmo ratifica cos seus votos, nin respecta aos veciños que libremente apoiaron coas súas sinaturas as peticións da plataforma de afectados pola sinalización viaria horizontal de Arcadio Pardiñas”.

 

Os populares, que indican que “nos suscribimos a petición pública da plataforma de que un, dous ou os tres grupos políticos asumísemos as súas peticións para que foran levadas a pleno”, consideran que “o rexedor quedou en evidencia: nin se respectou o proxecto de obra por el aprobado en Xunta de Goberno o un de marzo, nin se respectou o informe da Policía Local de nove de maio, emitido logo de que a obra en Arcadio Pardiñas estivese practicamente executada”. Neste senso, subliñan que “o que se fixo é unha chapuza, ademais de suprimir dous dos pasos de peóns máis usados, e que levaban bastantes anos pintados. Agora resulta que as persoas con mobilidade reducida non poderán usar algún pasos de peóns e algúns aparcadoiros para eles reservados porque non se practicaron rebaixes nos bordillos das beirarrúas”, destacan.

 

Desde o GMP consideran que “o alcalde tampouco respecta aos veciños, sobre de todo a aqueles que apoiaron con total liberdade coa súa sinatura as peticións da plataforma de afectados”. A este respcto, precisan que ‘hai sinaturas que veñen do lonxano oriente’, ademais de ser un desprezo ás persoas que asinaron. É un exercicio de prepotencia e despotismo, pois encararse, como o fixo, cun sector do público, é un acto de chulería. É negarse a dialogar, como quedou evidenciado, o que demostra un autoritarismo e intolerancia que non se deben dar no exercicio da alcaldía”, remarcan,

 

Finalmente, os edís populares afirman que “no pleno de onte, puidemos ver realmente a forma de ser desta persoa. A careta caeulle; só lle queda abrazar ás farolas”, conclúen.