Partido Popular de Lugo

O Grupo do PP denuncia que o Goberno provincial segue a acumular atrasos na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo

Lugo, 31 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP denuncia que o Goberno da Deputación segue a acumular atrasos na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo e despois dun ano só foi quen de presentar conclusións nesta materia pero sen ter aínda “entre mans un proxecto que incentive o turismo na provincia”.

 

Pese a que en maio de 2016, acadando un acordo unánime; o Grupo Popular solicitou medidas promovidas pola Deputación de Lugo en materia turística, non foi ata o mes de decembro cando o Goberno de Campos aprobou a adxudicación da elaboración do plan. É dicir, “daquela e tras máis dun ano á fronte da institución lucense, a desidia e a falta de traballo dos socialistas leváronnos a non ter nin comezado a elaboración do plan. Transcorridos outros cinco meses, aínda non o temos tampouco entre mans”.

 

 

Para os populares, “a falta de xestión é de novo manifesta. Só buscan titulares de prensa sen ter desenvolvido o proxecto que demanda o sector. A súa despreocupación ante un eido de especial relevancia na provincia amósase de xeito continuado, non sendo capaces de sacar adiante o plan pese a dispoñer da dotación orzamentaria necesaria”, lamentan.

 

Dende o Grupo Popular aseguran que son “inadmisibles” máis demoras para traballar todos xuntos por unha provincia que “conta con catro dos catorce xeodestinos nos que a Lei de Turismo de Galicia divide a Galicia; con seis declaracións da UNESCO, sendo a provincia de toda España que ten máis declaracións por parte da UNESCO; ao que sumamos catro dos Camiños recoñecidos oficialmente a Santiago; e somos, obxectivamente, a provincia de España con máis quilómetros de rutas xacobeas; ademais de ter un magnífico atractivo nas montañas de Courel e dos Ancares; un forte potencial turístico das mellores praias e dunha cidade bimilenaria como Lugo; ou ser o destino de turismo rural de interior de toda España co maior crecemento nacional; entre moitos outros recursos”.

 

Os populares traballaron “centrados en loitar por acadar melloras no eido turístico” e mesmo ante os atrasados na xestión da Deputación, que pasado un ano só tiña posto en marcha un proceso de contratación dun plan en materia turística, presentou a súa propia proposta que incluía “un plan moi completo en materia turística, no que se tiña en conta ao sector e puña en valor os nosos recursos”.

 

Ente provincial de turismo

Dende o Grupo Popular, tamén lle preguntan ao Goberno da Deputación en qué fase se atopa o proceso de constitución do ente provincial de turismo “xa que seguimos acumulando tamén un ano de atraso”, lamentan, dende que os populares pediran en pleno a constitución desta comisión que aglutinaría a todos os entes vinculados co sector para acadar, deste xeito, unha promoción integral da provincia. A iniciativa do Grupo Popular resultara aprobada por unanimidade en maio de 2016 pero hoxe “atópase entre unha das moitas promesas incumpridas do Goberno socialista”, pese a ser demandada a súa constitución polo Eixo Atlántico.