Lugo, 30 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP acadou esta mañá o acordo plenario que obriga ao Goberno da Deputación a finalizar os proxectos pendentes, que suman un investimento superior aos 33 millóns de euros. Durante a sesión provincial, os populares conseguiron o apoio unánime á iniciativa a través da que instan ao Goberno provincial de Darío Campos que adopte, de maneira urxente e inmediata, todas as medidas necesarias para finalizar os proxectos que anunciaron no seu día os executivos socialistas na institución provincial e que suman retrasos de preto de dez anos.
A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, explicou que esta iniciativa, elaborada cun “espírito construtivo”, reflexa unha mala xestión do PSOE na Deputación de Lugo, a cuxos executivos “non lles faltou capacidade económica pero si de xestión”. A popular precisou que “non se trata de falar do pasado senón do futuro e de que estes proxecto sexan unha realidade. Quedan dous anos para implicarse e poñémonos a vosa disposición para que presten un servizo e non sexan un bloque de formigón, que supuxeron un investimento de 92.000 euros por habitante”.
Proxectos
Candia explica que esta moción responde a unha petición dos Concellos e dos veciños que ven “como as súas piscinas ou residencias, non chegan a abrir as súas portas despois de anos”, mentres os Gobernos socialistas provinciais “mentían descaradamente, recorrían a medías verdades ou empregaban falacias para utilizar electoralmente estes proxectos que hoxe en día non son unha realidade”.
Ademais, a voceira dos populares tamén acusou ao portavoz socialista de responsabilizar a outras administracións da paralización deste proxectos “cando non é verdade”. “Saben porque en maio de 2015 cando inauguraron a residencia de A Fonsagrada non tiñan permisos?”, preguntou Candia, ao que respondeu “porque se solicitaron en outubro do 2015, e quen os asinou foi quen lle está falando. Besteiro non podía ter eses permisos porque non os pedira”.
A voceira dos populares expuxo a información “veraz sobre varios proxectos”, entre outros, dos que piden a súa posta en funcionamento. En concreto, entre os proxectos inacabados, os populares na súa iniciativa fan referencia ás piscinas climatizadas dos concellos de A Pastoriza e de Monterroso, cuxas construcións se adxudicaron nos anos 2009 e 2010, respectivamente, e cun investimento de máis de tres millóns de euros. Transcorridos máis de sete anos no caso da piscina de A Pastoriza e máis de seis na de Monterroso, ningunha destas dúas infraestruturas ten abertas as súas portas ao público.
A mesma situación se dá co proxecto de construción e xestión dos centros de atención a persoas maiores. Dende a aprobación en outubro de 2010 da encomenda de xestión á Suplusa e tras investir máis de 15 millóns de euros, non se ten creado nin unha soa praza.
Os populares tamén mencionan o proxecto do centro de recría na Granxa Gayoso Castro que se anunciou que se convertería nun referente do sector agropecuario e que estaría en funcionamento no ano 2009. Despois de oito anos, non é unha realidade pese a que a súa inversión supera os 12 millóns de euros.
Ademais, segundo engadiu a popular, entre os incumprimentos dos Gobernos socialistas existen outros proxectos que se anunciaron no seu día e tiveron investimento por parte da institución provincial e que, a día de hoxe, tamén seguen sen estar en funcionamento. Entre eles, atópase a sala de despece de caza de A Fonsagrada, a nova sede da UNED en Lugo, o edificio para a Escola de Enxeñería Civil, a praia fluvial na cidade de Lugo e o complexo turístico de benestar social en Augasmestas.
Parque do Río Rato
A deputada popular, Mari Teijeiro, dixo en pleno en relación á moción do BNG para que a Deputación active os mecanismos necesarios para mellorar o parque do Río Rato que “esta é unha das principais zonas verdes, un entorno privilexiado para toda a provincia, a cal a Deputación non lle está a dar a importancia que ten dado o estado que presenta”.
Tras solicitar a votación por puntos, os populares votaron a favor dos dous primeiros, nos que se pide que se activen os mecanismos necesarios para mellorar o estado do Parque do Río Rato. No último punto, no que se solicitaba a implicación do Concello de Lugo no mantemento deste parque, co obxecto de que a medio prazo puidera responsabilizarse do seu coidado; os populares abstivéronse. Neste eido, Teijeiro precisou que “esta zona non é titularidade da administración local, non é un ben da súa competencia, e non o debemos cargar de máis áreas, xa que ten sen atender as que son da súa obriga conservar”.