Partido Popular de Lugo

O Goberno da Deputación recoñece dubidas no procedemento de adxudicación do Centro Gayoso Castro, polo que acepta deixala sobre a mesa

Lugo, 30 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP conseguiu no Pleno de hoxe que a Deputación de Lugo deixe sobre a mesa a proposta de adxudicación da concesión da xestión e explotación do centro de recría Gayoso Castro mentres non se resolva o recurso efectuado por unha das empresas que participou no proceso de contratación, en cuxa reclamación denuncia incumprimentos nas prescricións técnicas. O deputado popular, José Ulla, precisa que “ata o propio PSOE dubida do procedemento administrativo deste expediente, xa que acepta a petición do PP de deixar a proposta sobre a mesa”.

 

Neste eido, o deputado do Grupo Popular considera que “é necesario” agardar á resolución do Tribunal de Recursos Contractuais. “Debese resolver primeiro o recurso para que haxa un respaldo xurídico antes da da adxudicación deste proceso”, asegura, ao tempo que matiza que “dende este Grupo non queremos comprometer xuridicamente esta administración nin ser cómplices dos custos económicos que poderían implicar á institución dependendo da resolución do Tribunal”. “Con esta decisión salvagardamos o prestixio desta institución”, precisa.

 

 

Improvisación e falta de traballo

Ulla asegura que a decisión do Goberno provincial de atender á petición do Grupo Popular deixa en evidencia que os socialistas actuaron “con improvisación e falta de traballo, feito que eles mesmos están a asumir ao aceptar deixar sobre a mesa este asunto”.

 

“Actuaron sempre con improvisación, traballando moi pouco e guiándose por ocorrencias e arroutadas”, denunciou Ulla e, engadiu, “froito desta improvisación que se deu dende un principio, seguen a aparecer trabas”. O deputado popular lembrou que o Goberno socialista iniciou este proceso sen contar nin co apoio da Xunta nin dos grupos da oposición, “pese a estenderlles a man, decidiron rexeitala”.

 

“Anunciárono como un proxecto estrela, o buque insignia, unha inversión millonaria e un centro de referencia a nivel nacional, moitos foron os titulares, ata en setembro de 2015, dixeron que empezarían a entrar as xatas pero dous anos despois estamos nunha situación parecida”, lembra. “Non podemos conseguir que sexa un niño de pombas ou un mausoleo”, asegura o popular, quen lembra que a vontade do Grupo Popular “sempre foi clara para que este proxecto chegue a bo porto tralo forte investimento público, apoiar e non torpedear”.