Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP acusa a Campos de antepoñer os actos partidistas ás necesidades dos veciños e veciñas

Lugo, 29 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo acusa ao presidente da institución lucense, Darío Campos, que “de novo e unha vez máis” optase por antepoñer os intereses partidistas ás necesidades dos veciños e veciñas. Nesta ocasión o máximo representante do organismo provincial non asistiu á clausura da XVII Edición de Expomar, pese a ter anunciada a súa asistencia de xeito oficial e, no seu lugar, decidiu acudir a un acto de partido na cidade de Lugo.

 

Os populares na institución lucense reproban esta situación e consideran que Campos está a desatender a súa principal función, “que é a de ser presidente da Deputación e, polo tanto, máximo representante da institución”. “Estábase a celebrar a feira monográfica sobre un dos sectores máis importantes e representativos da nosa provincia e nin tan sequera foi quen de demostrar o compromiso que a Deputación de Lugo debera cos seus traballadores”, censuran.

 

“Primeiro anuncian pola canle oficial da institución a asistencia de Darío Campos á clausura de Expomar e finalmente mandan unha representante, cando estamos ante unha feira náutico pesqueira referente a nivel nacional, que ano tras ano está a ganar peso para responder ás necesidades do sector”, precisan.

 

Un presidente con pouco peso na Deputación e no PSOE

Dende o Grupo Provincial critican que dende que o presidente da Deputación tomara posesión no seu cargo, “sempre os problemas do Partido Socialista anegaron a institución lucense. Campos adoptou unha actitude de perfil, quedando moi demostrada a súa escasa capacidade de decisión tanto dentro na Deputación de Lugo como no propio PSOE provincial”, consideran dende o Grupo Popular.

 

“Á pouca capacidade de decisión que ten na Deputación súmase o nulo peso que ten no partido, tal e como demostra o feito de que nin tan sequera será delegado no Congreso estatal”, censuran os populares, que piden “unha maior seriedade e compromiso cos veciños. Están a demostrar que non son quen de estruturar o PSOE provincial, xerando unha imaxe esperpéntica. Esixímoslles que esta circunstancia non salpique a acción de Goberno da Deputación de Lugo”.

 

Polo tanto, o Grupo Provincial do Partido Popular no chega a entender como Campos decidiu darlle as costas a un sector cunha enorme contribución ao PIB da provincia. “Traballen pola provincia e abandonen a situación na que están sometidos e que está a danar a imaxe dunha institución como é a Deputación de Lugo”, esixen.