Partido Popular de Lugo

O PP ve con preocupación que Campos se ofreza como garante para abrir a residencia de Ribadeo cando non é capaz de poñer en funcionamento ningunha das súas

Lugo, 26 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP amosa a súa preocupación porque o presidente da Deputación, Darío Campos, se ofreza como garante para abrir a residencia de Ribadeo cando non é capaz de poñer en funcionamento ningunha das súas. “Trata de comprometer fóra o que non é capaz de arranxar na súa casa e iso preocúpanos moito”, precisa a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, “máis cando o socialista ten defendido en sede xudicial que a institución provincial non ten competencias sobre estes centros”.

 

Os populares consideran que o presidente da Deputación “tira a pedra e esconde a man” ao culpar á Xunta do retraso na apertura dos centros cando nos xulgados esgrime que a competencia para a prestación social dunha residencia da terceira idade é un servizo social especializado que en ningún caso é competencia provincial senón autonómica.

 

Así o recolle a demanda que interpuxeron os tres deputados do PSOE (Darío Campos, Pilar García e Lino Rodríguez) fronte á Sociedade Urbanística Suplusa co obxecto de impugnar o acordo do consello de administración sobre modificación dos estatutos sociais adoptado o 28 de xullo de 2016, e ao que previamente votaran a favor.

 

Nela explican que “en definitiva, a prestación social dunha residencia da terceira idade é un servizo social especializado, ou aínda interpretándoo de forma laxa, un servizo social comunitario específico, o certo é que a competencia, en ningún caso é provincial senón autonómica e, nalgún caso, municipal”.

 

A Xustiza desestima a demanda de Campos

O resultado é que a demanda interposta polo propio presidente da Deputación foi desestimada e, a día de hoxe, a Deputación de Lugo segue sen inscribir a Suplusa no RUEPSS, o paso previo e obrigatorio para que a sociedade poida ter a categoría de prestadora de servizos sociais, o que permitiría desbloquear a parálise á que o Goberno provincial ten sometidas as residencias de maiores.

 

Así, a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, lamenta que tanto o presidente provincial como o alcalde de Ribadeo “intenten desprenderse das súas responsabilidades”. Así, recorda, o rexedor paralizou desde o ano 2014 a colaboración que a Xunta lle ofreceu para abrir a súa residencia ao non enviar o informe pertinente para poder concertar prazas e axilizar a súa posta en funcionamento.

 

Pola súa banda, Campos conta con varias residencias rematadas ou a punto de ser rematadas e un investimento comprometido de 23 millóns de euros e, non solo non sabe qué facer con elas, senón que cando ten oportunidade intenta desentenderse dicindo que non ten competencias para polas en marcha, pese a ter investido na súa construción.

 

“Mentres as residencias seguen a consumir recursos públicos e moitas delas xa están a deteriorase pese a que aínda non abriron as súas portas e ante a pasividade do Goberno provincial”, censura a popular. Así, a popular pídelle ao presidente provincial que o vindeiro martes na xunta xeral de Suplusa atenda a petición reiterada do PP de inscribir, dunha vez por todas, á Sociedade no RUEPSS.