A Fonsagrada, 26 de maio de 2017.- O Grupo Municipal do Partido Popular da Fonsagrada lamenta a situación esperpéntica que está a protagonizar o rexedor, o socialista Argelio Fernández Queipo, cuxa nefasta xestión ten provocado que o municipio se quede sen o Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) da comarca.
Aseguran que por segunda vez os tribunais lle dan a razón aos traballadores do GES, ao declarar nulo o expediente de regulación de emprego presentado polo Concello. O voceiro, Tobías Martíenz, sostén que “sen o máis mínimo argumento razoable os compoñentes do GES foron despedidos, cando tanto por parte da FEGAMP, Xunta e Deputación acordaron prorrogar o convenio de todos os GES de Galicia”.
Ante a demanda dos traballadores por un despido inxusto os tribunais en sentenza fallaron con que o despido era improcendente, é dicir, nulo.
Pois non contentos con esta sentenza o equipo de Goberno da Fonsagrada presenta un ERE contra estes traballadores, argumentando saldo negativo do Concello, botándolles a culpa desta situación. “Algo que baixo ningún concepto se pode soster, indica Tobías, xa que os salarios serían a custo cero para as arcas municipais”. “Non buscaron a culpa da situación económica noutros conceptos, practicamente sen ningún control no Concello desde hai anos”.
É por iso que o alcalde e o equipo de Goberno non deben xogar cos intereses tanto do Concello como dos seus traballadores, como se fora un reino privado no que fan o que lles vén en gana. “Un equipo de Goberno que por caprichos e con total prepotencia actuou e actúa sen importarlle o máis mínimo a solvencia económica”.
O PP lamenta que isto sexa así, posto que vai derivar nuns custos para o Concello, que ao final non van ser asumidos polos verdadeiros responsables, senón que os asumiremos todos os veciños e veciñas da Fonsagrada”. Os populares aseguran que a veciñanza está cansada destes novos recursos e pataletas do Concello, polo que lle piden responsabilidade ao rexedor.
Gastos desmesurados
O voceiro do PP, Tobías Martínez, critica os banais argumentos empregados polo alcalde para perder este servizo tan importante para o Concello, “só se expón que o Concello tivo perdas económicas nos anos 2014 e 2015, e sen embargo, non se se preocupan por controlar os gastos en vehículos, mantementos, materiais, combustible, reparacións eléctricas ou seguros”. O popular engade que “non se pon interese en solventar estes gastos nin en quen poida facer as ofertas máis favorables para a prestación dos servizos.