Partido Popular de Lugo

O Grupo do PP pedirá en pleno que a Xunta estableza unha liña de axudas para financiar os gastos derivados dos danos ocasionados nos viñedos pola xeada

Lugo, 24 de maio de 2017.- O Grupo Provincial do PP pedirá na sesión plenaria da Deputación que se celebrará o vindeiro martes que a Xunta de Galicia estableza unha liña de axudas, dentro da legalidade, destinadas a financiar os gastos de repoda, replantación e tratamentos fitosanitarios dos viñedos afectados pola xeada. Os populares solicitan a posta en marcha destas axudas unha vez que o Goberno galego, en coordinación cos Consellos Reguladores, faga unha valoración da superficie afectada pola xeada.

 

Os populares lembran que o forte descenso das temperaturas nocturnas durante a madrugada do 26 de maio ao 27 de maio levou por diante a maior parte da colleita en algúns puntos da denominación de orixe Ribeira Sacra. En concreto, na provincia de Lugo a maior gravidade dáse en viñedos de Quiroga, Pantón e Ribas de Sil, entre outros. Ante esta situación, o Grupo Popular asegura que o sector vitivinícola ten unha gran importancia para a economía da Ribeira Sacra debido, precisan, entre outras razóns, á gran cantidade de exportacións que anualmente se efectúan dos seus produtos e porque, ademais, engaden, permite o asentamento de poboación.

 

 

Deste xeito e ante “a gravidade da situación e as súas posibles devastadoras consecuencias para a colleita deste ano”; dende o Grupo Popular presentan esta iniciativa plenaria, conscientes de que “a Xunta de Galicia quere seguir apoiando aos viticultores afectados en todo o que materialmente sexa posible”. De feito, dende o PP precisan que a propia conselleira de Medio Rural visitou varias zonas afectadas e está en permanente contacto cos Consellos Reguladores, entre eles o da Ribeira Sacra.

 

Polo tanto, os populares consideran “necesario que a Xunta de Galicia, en coordinación cos Consellos Reguladores, fagan unha valoración da superficie afectada pola xeada. E, ademais, é preciso que dende a administración autonómica se estableza unha liña de axudas destinada a financiar os gastos ocasionados por esta circunstancia”, precisan.